Alexandre Caínzos: «Ter 7.500 socios da biblioteca en Pontedeume, con oito mil habitantes, é unha barbaridade»

ANA F. CUBA PONTEDEUME / LA VOZ

PONTEDEUME

Caínzos, na biblioteca eumesa, rodeado de libros e de exemplares da revista «Cátedra», da que foi cofundador
Caínzos, na biblioteca eumesa, rodeado de libros e de exemplares da revista «Cátedra», da que foi cofundador CESAR TOIMIL

Retirouse antes do Nadal logo de 33 anos dirixindo «un lugar de encontro e socialización», motor cultural de Pontedeume

15 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando recalou na biblioteca municipal de Pontedeume, a finais de 1988, cun contrato de seis meses a media xornada, Alexandre Caínzos era visto coma «un venidero». «Como que venidero se es de Esteiro!», dicíalle daquela a súa avoa. Hai uns anos, convidado a dar o pregón das festas patronais, recordouno. Naceu o 5 de decembro de 1956 nunha aldea da parroquia de Nogueirosa, con tres anos seus pais levárono para Narón e despois mudáronse a Canido, en Ferrol, pero a infancia e a preadolescencia pasouna en Eirís (Cabanas), de onde era a súa nai. Alí botaba o verán e o resto das vacacións escolares.

«Para min, na aldea, a sensación era coma se non houbera outro mundo, un lugar inmenso en todos os sentidos, unha marabilla», lembra. Aquela etapa «de felicidade» marcouno de por vida, na forma de ser e mesmo na súa paixón pola natureza. «O primeiro televisor vino na casa dun veciño, colliamos as banquetas e iamos todos para alí; os xogos eran inventos que faciamos; viviamos as estacións do ano, as colleitas, a malla, a esfolla, o faiado cheo de mazás, a matanza do porco...», evoca. Sen esquecer Canido, «outro mundo aparte, o territorio coñecido do que non saías». Ata a puberdade, cando xa empezou a explorar fóra dos límites do barrio e foi descubrindo a cidade na que segue vivindo.

En vésperas de Nadal, Caínzos xubilouse, logo de 33 anos na biblioteca municipal de Pontedeume, onde acabou por mor da súa muller. Licenciado en Xeografía e Historia, ao rematar a carreira e o servizo militar, xa casado, empezou a preparar oposicións para docente, ao tempo que se formaba no eido dos arquivos e as bibliotecas. Trala experiencia de bolseiro no Arquivo do Reino de Galicia e no Arquivo Municipal de Ares decatouse de que lle tiraba máis a investigación que o ensino, iso que a experiencia que tivera ao longo dun semestre como profesor da UNED de Pontevedra lle gustara moito.

Foi a súa muller quen viu a convocatoria dunha praza para a biblioteca de Pontedeume. «Non me interesaba moito, pero díxome ‘e a túa vila', e a noite anterior púxenme a escribir a máquina unha memoria co que faría na biblioteca, mandei o currículo... e elixíronme. Non contaba nin de broma, pensaba que seguro que ía haber algún enchufado», rememora. Aos seis meses xa tiña claro o seu proxecto e non tardou en poñer en marcha iniciativas que xa forman parte do patrimonio cultural da vila na que o consideraban «un venidero».

«Cátedra» ou ArtXove

Caínzos foi clave na creación de Cátedra, a revista eumesa de estudos; impulsou ArtXove, que funcionou durante dúas décadas a nivel galego, para menores de 35 anos; o Novembro Fotográfico, que segue en pé, igual que o concurso de contos Vila de Pontedeume, con máis de trinta anos de traxectoria (puxérao en marcha a responsable de Normalización Lingüística e el sumouse e potenciouno); a recompilación de fotografías familiares, baixo a denominación de Memoria popular; Pontedearte, unha mostra de pintura para eumeses maiores de 35...

Mais se de algo se sente satisfeito este eumés é das actividades de animación á lectura que promoveu: «Desde o principio, todos os nenos de catro a nove anos pasaban pola biblioteca, uns 400 anuais, incluso os das cinco escolas unitarias que había daquela. Eu contaba historias e logo preparaba audiovisuais, con axuda do Centro de Formación e Recursos de Ferrol e o de Pontedeume, facíanme as diapositivas dun conto, logo xa en cedés, buscáballes música, poñíalle voz e proxectabámolo para os nenos».

A Caínzos interesáballe, sobre todo, «conseguir que os pequenos se afeccionaran á lectura», e as cifras evidencian que cando menos parte do seu obxectivo conseguiuno, con 7.500 socios na biblioteca —«unha barbaridade nun Concello de oito mil habitantes»—, moitos deles tamén de Cabanas e algún de Monfero ou Miño. Sinala que antes da pandemia a media diaria de usuarios do centro era de 70 a 75. Sostén que «foi froito desa dinámica de traer xente», autores que presentaban alí as súas obras. Pero ten que haber algo máis que explique como a biblioteca eumesa se converteu «nun lugar no que quedan as familias, deixan os cativos alí, contentísimos». E como acabou sendo «un lugar de encontro e socialización, parte da ruta da vida cotiá dos veciños».

Unha despedida moi emotiva

Moitas das familias e dos nenos que acoden regularmente á sala de lectura amosáronlle a súa gratitude cunha despedida moi emotiva. «Foi tremendo, botei vinte minutos chorando...». Recoñece que nas máis de tres décadas de oficio, o máis gratificante «foi o trato humano, coa xente, o cara a cara», e el tamén lles dá as grazas aos usuarios deste «centro de dinamización cultural» no que tanto traballou.

Ao pouco de chegar quixo espallar os libros polas parroquias, e durante máis de tres lustros percorreu os locais sociais, da man dos colectivos veciñais, co coche cheo de caixas ateigadas de libros, unha biblioteca itinerante que levou igualmente ás aulas de todas as escolas unitarias.

Do seu legado destaca o arquivo de prensa local e de carteis (preto de 900, desde os do Día da Biblioteca ata os das festas das aldeas). Outro fito «importantísimo» que subliña destes anos, no que tivo moito que ver, foi o nome da biblioteca, Poeta Ramiro Fonte, «un grande, e non por ser amigo», remarca. Todo contribuíu a que este afeccionado á lectura —«moi crítico, non me val calquera libro»—, que prefire «a literatura realista, que trata os problemas das persoas», fronte a ficcións e distopías, vivira o traballo con gusto —«tiven a gran sorte de ir sempre contento»—.

Agora, disposto a gozar dun ano sabático, bríndase a colaborar co Concello de Pontedeume para dar continuidade ás iniciativas que el mesmo puxo en marcha ou nas que axudou. Igual que coa persoa que o suceda: «Teño claro que servizo ten que prestar a biblioteca a unha sociedade, a unha poboación como a eumesa. Máis aló do traballo técnico e burocrático, é un elemento dinamizador fundamental».