Manuel Bouza: «Para poder falar do futuro, temos que lembrar cales son as nosas raíces»

PONTEDEUME

Manuel Bouza dedica todo o seu esforzo a manter viva a memoria da cultura tradicional galega
Manuel Bouza dedica todo o seu esforzo a manter viva a memoria da cultura tradicional galega ramón Loureiro

Afirma que «hai que poñer en valor o traballo dos nosos antepasados»

12 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Bouza Faraldo (Pontedeume, 60 anos) é mestre do colexio ferrolán Ludy, onde exerce a docencia no ámbito da Educación Física. Unha actividade profesional que compaxina co seu labor como investigador do patrimonio etnográfico galego, con especial atención a ámbitos como os do mundo agrario, a pesca tradicional -tanto de baixura como de altura- e, naturalmente, a educación. E ao mesmo, investiga as orixes do deporte en Ferrolterra. Nos próximos meses verá a luz un novo libro seu, Polo camiño do deporte, editado pola Deputación Provincial da Coruña coa colaboración do Concello de Pontedeume. O seu anterior libro, Un mestre, fillo do mar e da aldea, recolle o traballo que foi galardoado co premio de investigación etnográfica eumés.

-Actualmente está vostede traballando intensamente, tamén, á par dos veciños de San Bartolomeu, en Monfero, na recuperación da capela do lugar. Unha recuperación que non se limita á investigación histórica, senón que inclúe ademais a rehabilitación arquitectónica do monumento...

-Neste momento a obra exterior de recuperación da capela, fundamentalmente a dos muros e a da cuberta, xa está rematada. Agora só nos falta a intervención no interior. Recuperar a capela de San Bartolomeu tamén é recuperar a memoria da nosa xente. A miña nai sempre me dicía que non deixase o santo sen a súa casiña, e iso tocoume o corazón. Aquilo foi o que me impulsou a mobilizar aos veciños de alí, do lugar no que están as miñas raíces, porque foi onde naceu miña nai. E hai que dicir que a resposta da xente foi, desde o primeiro momento, de absoluto entusiasmo. Hoxe quero agradecer moi especialmente o labor que levan feito, sobre todo, catro persoas: Manolo da Fonte, Suso o de Gumersindo, José da Casanova e Marcos do Campo. Sen esas persoas non tería posible esa recuperación do templo. E quero dar as grazas, tamén, ao arcebispado de Santiago, e en especial á arquitecta María José Mariño, que é a que está dirixindo as obras.

-As pedras tamén teñen memoria, ¿non?

-As pedras traballadas polas xentes que habitaron o pasado gardan a memoria dos que as labraron. Por iso, na recuperación da capela nós puxemos o máximo interese en reutilizar os materiais orixinais. Para poder falar do futuro, tamén temos que lembrar cales son as nosas raíces. E iso é algo que eu sempre lles repito aos meus alumnos. É importante que os escolares saiban como foi a vida dos seus avós e dos seus bisavós. E que saiban cantos traballos tiveron que pasar moitas veces. Hai que poñer en valor o traballo dos nosos antepasados, que foron os que fixeron posible que hoxe esteamos aquí.

-¿Dáselle ao patrimonio etnográfico o valor que realmente ten?

-Deberiamos estar máis involucrados. Ás veces non nos damos conta da verdadeira importancia que ten un vello muíño, ou unha pequena ponte sobre un río. ¡Cantas historias, cantas vidas, nos poden contar esas pedras...!

«É fundamental que as familias tamén se involucren no proceso educativo»

 

 

Manuel Bouza é un firme defensor do deporte afeccionado. Un deporte que considera unha parte fundamental da súa vida. Dun xeito moi especial, «o deporte escolar». Sendo estudante de Maxisteiro xa adestrou equipos de baloncesto e balonmán, así como a atletas que competían na especialidade de campo a través.

-Di vostede a miúdo que historia dun pobo hoxe case non se podería explicar sen as suás manifestacións deportivas...

-¡Por suposto! Para poder explicar hoxe a memoria recente dun pobo é preciso contar tamén como foi a súa relación co deporte. Porque o deporte afeccionado, desde mediados do pasado século, foi fundamental nas vivencias dos galegos. Os equipos de fútbol modesto espertaron grandes paixóns. Moveron masas de xente moi grande. E iso estreitaba os lazos entre os veciños, creando grandes amizades.

-Con 36 anos de traxectoria como mestre, ¿que valoración fai hoxe da mundo da educación?

-Eu hoxe boto en falta a relación tan fluída entre familia e colexio que houbo noutros tempos. É fundamental que as familias tamén se involucren no proceso educativo. Se non hai colaboración entre familias e mestres, o proceso pedagóxico non pode ir ben, e os perxudicados sempre van ser os pequenos.

-¿Que papel debería ter o deporte no proceso educativo?

-O deporte, en si mesmo, é educación. E é lamentable que o deporte escolar estea practicamente desaparecido. O deporte tamén serve para aprender valores. Cando Juan Muñiz era o xerente do padroado de deportes de Ferrol, o deporte escolar ferrolán era magnífico, espectacular. E o que primaba non era o resultado da competición, senón a relación entre os alumnos. Agora todo iso se deixou perder. E o importante non é gañar, senón convivir.