Juan Couce Feal, un compañeiro e profesor irrepetible

fátima ínsua lópez

PONTEDEUME

Juan Couce Feal
Juan Couce Feal Cesar Hernandez Diaz

A directora do IES Fraga do Eume de Pontedeume lembra a humildade, bondade, fortaleza e capacidade de loita do mestre

12 abr 2020 . Actualizado a las 07:53 h.

O pasado venres perdemos ao noso compañeiro e amigo Juan Couce Feal. Como directora do IES Fraga do Eume de Pontedeume, gustaríame falar no nome de todos os que integramos esta «familia educativa», pero tamén no meu propio, como compañeira e amiga de Juan. Os que tivemos o gusto de coñecelo sabemos que era un gran cociñeiro, un gran docente, o profesor que calquer alumno querería ter, pero sobre todo una persoa con un corazón inmenso, era de esas persoas que constrúen, sempre, que non enturbian, senón que aclaran, que non estorban senón que aportan… invariablemente se se necesitaba algo de el a súa resposta sempre era SI, un si en beneficio do seu centro e do seu alumnado.

Cada un de nos, ao longo da nosa vida temos a sorte de cruzarnos no camiño cunha infinidade de persoas, algunhas desaparecen case tan rápido como entraron en ela, outras simplemente déixannos un mal recordo e un pequeno grupo delas son esas, poucas, que nos marcan para sempre, Couce para nos é deste último grupo.

Sen dúbida tería defectos como todo o mundo, pero sobre todo tiña tamén grandes valores que os que o apreciamos non imos esquencer nunca: a súa inmensa humildade, a súa bondade innata, e a súa fortaleza e capacidade de loita, como demostrou ao longo destes últimos meses, víndonos a visitar uns minutiños, sempre que podía, a pesar, da dor, de non poder falar, e sempre cunha sonrisa e un bo xesto. Creo que todos, cada vez que vexamos una decoración artística de chocolate, ou unha figura feita con papel, outra das súas especialidades, ou unha sonrisa silenciosa cargada de afecto, pensaremos en ti.

Esteas onde esteas, sempre estarás con nos.