«O castro de Centroña ten un altísimo potencial como activo turístico»

ANA F. CUBA PONTEDEUME / LA VOZ

PONTEDEUME

Imaxe aérea do castro de Centroña tomada polo voo americano de 1956
Imaxe aérea do castro de Centroña tomada polo voo americano de 1956 CEDIDA

A Asociación Cultural para a Protección do Patrimonio Ardóbriga leva anos reivindicando a declaración de ben de interese cultural

24 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os contactos do Concello de Pontedeume cos propietarios de parte dos terreos do castro de Centroña (ou de Castrelo) para a súa adquisición constitúen un paso importante para a posta en valor dos vestixios arqueolóxicos e a posterior declaración de ben de interese cultural (BIC). Estes son os obxectivos prioritarios da Asociación Cultural para a Protección do Patrimonio Ardóbriga desde a súa fundación, no ano 2008. «De feito -sinala o presidente, Antón Prego-, o noso símbolo é o torque de Centroña, que apareceu nas proximidades do castro no ano 1912; e o nome, Ardóbriga, sería o dunha cidade situada a carón do monte Breamo, aínda que isto é máis unha hipótese, a partir dunha teoría dun historiador romano que fala das cidades do golfo ártabro».

O colectivo apoia a iniciativa do Concello eumés, pero advirte de que «hai que facer un plan director das actividades que se vaian levando a cabo, para que todo estea ben planificado por arqueólogos e historiadores, non poñerse a escavar sen criterio», remarca Prego. Incide, ademais, en que calquera acción deberá estar coordinada polos dous concellos nos que se sitúa o castro, repartido entre as parroquias de Centroña (Pontedeume) e Perbes (Miño). Subliña o valor patrimonial do xacemento «e o altísimo potencial que ten como activo turístico; simplemente con mantelo limpo xa se perciben as estruturas e os parapetos, e permitiría organizar excursións e rutas».

Proxección hipsométrica do castro de Centroña, na que se obxervan as estruturas e a división entre os dous municipios
Proxección hipsométrica do castro de Centroña, na que se obxervan as estruturas e a división entre os dous municipios

A localización «é espectacular, xusto no saínte que separa as rías de Betanzos e Ares, dominado polo monte de Breamo, onde había un santuario precristián», describe o presidente de Ardóbriga. «O dominio visual abarca desde a torre de Hércules ás illas Sisargas: A Coruña, Ferrol, toda a entrada do golfo ártabro... Tiña que ser un castro importante, analizando a arqueoloxía da paisaxe, xa sen facer escavacións -conclúe-. E que aparecera un torque de ouro, que é un símbolo de soberanía...». A entidade leva anos reivindicando a declaración de BIC e divulgando o castro en charlas e publicacións. «Ten un potencial descoñecido para a xente da contorna. Algúns foran connosco a unha excursión ao Museo de Lugo para ver o torque, e ao parar no castro de Viladonga alucinaron. Diciámoslles: “isto tédelo alí a carón das vosas casas”, “non sabedes o que tedes”», conta Prego.