Pontedeume ten moito conto

ANA F. CUBA PONTEDEUME / LA VOZ

PONTEDEUME

JOSÉ RÍOS

María Canosa, Inma López Silva ou Antonio M. Fraga participaron neste certame

18 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira edición do Concurso de Contos Vila de Pontedeume tivo lugar no 1991, por iniciativa do servizo municipal de Normalización Lingüística, que tamén o organizou ao ano seguinte. Logo tomou as rendas Alexandre Caínzos, responsable da biblioteca, que coordina o certame xunto coa técnica de normalización do Concello, desde a delegación de Cultura. «Ao principio era só para alumnos do único instituto que había daquela en Pontedeume [hoxe, IES Breamo], para incentivalos a escribir en galego, e no terceiro ano xa o abrimos a toda Galicia», conta Caínzos.

Os estudantes do segundo ciclo da ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos de grao medio e superior que non superen os 20 anos son os destinatarios do concurso. O prazo de presentación de traballos nesta trixésima edición remata o 16 de abril. A escritora María Canosa Blanco (Cee, 41 anos) gañou este concurso. «Xusto para esas idades non había moitos certames específicos, e que che publicasen o libro cos relatos gañadores, eran moi poucos», subliña. O Concello de Pontedeume edita, cada cinco anos, un volume que recompila os textos gañadores e os merecedores de accésits das cinco edicións anteriores. Xa van cinco e no 2021 chegará o sexto.

Entre ficción e realidade

A Canosa, que pasa estes días de confinamento na súa localidade natal, léndolles contos ás súas fillas de dous e seis anos, chamoulle a atención, cando lle entregaron o premio, que o xurado lle confesara que non sospeitaban que a autora daquel texto fora unha rapaza. «Pensaban que era obra dun rapaz. Non o volvín ler, pero lembro que era algo de intriga e había un póster pendurado dunha parede que tiña moito que ver no relato, cunha dúbida entre ficción e realidade que agora tamén uso oito na miña literatura para nenos», comenta.

Caínzos recorda que o escritor Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947-Vigo, 2016) formou parte do xurado do certame «desde que saíu o primeiro volume, foi o presidente ata que faleceu e prologou os cinco primeiros libros». Tomou o relevo ao fronte do tribunal que xulga as obras dos rapaces Antonio Manuel Fraga (Pontedeume, 43 anos). «Presenteime cando tiña 16 anos, no 92 ou no 93, e non gañei, levei un accésit. Tiña premio en metálico e, cunha achega de meu irmán, compramos unha tele pequena para a habitación», recorda. Naquela edición gañara Antonio de Castro Cortizas, outro dos nomes que xa forman parte da historia do Concurso de Contos Vila de Pontedeume.

Canteira de escritores

O relato de Fraga titulábase Lembranza. «A partir de aí entráronme máis gañas de escribir. Vira o cartel nunha visita á biblioteca [eumesa], iamos facelo a medias un compañeiro e eu, pero ao final escribino eu», rememora. Estudou Enxeñaría e xestiona, cunha socia, unha academia de apoio escolar nas Atochas, na cidade da Coruña. E non parou de escribir: «Para min o concurso foi un acicate, igual que para outras moitas persoas». Cita a María Canosa ou a Inmaculada López Silva, cunha recoñecida traxectoria literaria. E mesmo ao galardoado do ano pasado, Nee Barros, de Marín, «que xa gañou varios certames e apunta a facer algo importante». «De aí sae unha canteira, supón un empurrón, un aliciente», reitera Fraga.

Caínzos quere recoñecer tamén o traballo dos ilustradores dos carteis que anuncian o certame, coma o desta trixésima edición, o eumés Sergio Acción Corral. Todos contribúen ao éxito dos contos na vila eumesa.