Pontedeume programa un mes de actos arredor dos escritores de literatura infantil e xuvenil

LA VOZ PONTEDEUME

PONTEDEUME

JOSE MANUEL CASAL

A Ponte das Verbas es una iniciativa para «homenaxear o acervo cultural galego a través da exaltación da súa literatura»

27 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa está en marcha A Ponte das Verbas, unha iniciativa coa que o Concello de Pontedeume pretende «homenaxear o acervo cultural galego a través da exaltación da súa literatura». As actividades comezaron o luns e seguirán ata o 21 de decembro. Todas xiran arredor dos seis autores galegos que recibiron o Premio Nacional de Literatura Infantil. En 1986 foi Paco Martín, pola obra Das cousas de Ramón Lamote; en 1995, Xabier Docampo, por Cando petan na porta pola noite; en 1996, Fina Casalderrey, por O misterio dos fillos de Lúa; en 2008, Agustín Fernández Paz, por O único que queda é o amor; en 2015, Ledicia Costas, por Escarlatina, a cociñeira defunta; e en 2017, Antonio García, en recoñecemento do libro Poemar o Mar.

Durante estes días haberá encontros dos autores vivos co alumnado dos IES Breamo e Fragas do Eume. Crearanse seis murais inspirados nas obras premiadas, entre o 15 e o 20 de decembro, no pavillón da Casqueira (non foi posible facelo no muro do CEIP Couceiro Freijomil, como estaba previsto). Tamén está programado decorar a biblioteca municipal, como explica o seu responsable, Alexandre Caínzos, con obxectos extraídos do imaxinario das obras citadas. Os actos culminarán o 21 de decembro, cunha homenaxe aos autores vivos e tamén a Agustín Fernández Paz e a Xabier Docampo, que estarán representados polas súas familias. Será na biblioteca, cun aforo de 35 prazas.

Ese mesmo día habilitarase un espazo de esparexemento infantil na Alameda (se o tempo o permite, e se non, no pavillón da Casqueira), con entrada gratuíta para os cativos.