Luís Pena Mosquera: «Ofrecemos transparencia e gobernar para as persoas, ao marxe de onde vivan»

A. F. C. PONTEDEUME / LA VOZ

PONTEDEUME

CEDIDA

O candidato do BNG estréase en política, como independente, nestas eleccións

21 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Luís Pena (Viveiro, 1972), enxeñeiro agrónomo e profesor da UAC, estréase en política como independente, liderando a lista do BNG de Pontedeume, onde vive desde hai doce anos.

-¿Que balance fai deste mandato?

-Aplaudimos as poucas cousas que se puideron facer, como rematar o mercado. Pero en catro anos de maioría absoluta a veciñanza recoñece que non hai ningunha iniciativa para o feirón, para os aparcamentos, para darlle pulo ao casco histórico que está a caer, para o comercio e a hostalería da vila, e que o programa cultural de Pontedeume é moi pobre.

-¿Cales son as prioridades do BNG?

-Transparencia e gobernar para as persoas ao marxe de onde vivan, integrando as parroquias en todas as iniciativas. Crear unha oficina de rehabilitación con financiamento propio, que asesore, redacte proxectos e axilice as licencias para construír ou rehabilitar. Estamos moi preocupados porque pretenden malgastar 600.000 euros reparcheando o Chalé Rosa. Con ese diñeiro propoñemos construír unha escola infantil nova en terreo público, moderna e fóra do centro histórico, e con bos accesos.

-¿Como vai coa aplicación que crearon para dar voz aos veciños?

-A veciñanza ve no BNG a única alternativa real de esquerda. Está moi cansa das promesas incumpridas e do esquecemento das parroquias, agás na campaña electoral, cando funciona toda a maquinaria para lavar a cara da vila. Hai propostas de limpeza programada e periódica de rúas e camiños, as Fragas do Eume como polo de atracción turística con criterios ecolóxicos pero tamén de rendemento económico, un feirón temático mensual... As asociacións que coñecen o territorio xa teñen as solucións e serán interlocutores para calquera iniciativa. Crearemos o vicio polo deporte e a cultura. E soñamos cun centro deportivo municipal e cun auditorio permanente.

-¿E se non hai maiorías o 26M?

-O obxectivo é gobernar. Non estamos dispostos é a catro anos máis de inmobilismo deixando esmorecer o Concello.