«Hai moi poucas igrexas en Galicia coas peculiaridades da ermida de Breamo»

A. CUBA PONTEDEUME / LA VOZ

PONTEDEUME

CEDIDA

Juan Coira Pociña, historiador e técnico da oficina de turismo y do centro de interpretación do Torreón dos Andrade, guiará a andaina do domingo

20 mar 2019 . Actualizado a las 10:15 h.

A ermida de Breamo será o destino dos camiñantes que se apunten á terceira andaina histórico-cultural organizada polo Concello de Pontedeume. Terá lugar o domingo e mañá xoves remata o prazo de inscrición, no 981 430 270, oficinaturismo@pontedeume.gal ou na propia oficina de turismo. Alí, no Torreón dos Andrade, traballa o historiador Juan Coira Pociña (Pontedeume, 32 anos), guía destas expedicións.

-¿Onde será a primeira parada?

-Na igrexa de Santiago, case onde comeza a ruta sinalizada con balizas (uns cincuenta metros máis arriba) ata Breamo. De aí partía a romaxe que unía o centro da vila coa ermida, aínda que antigamente a peregrinación ía dese a igrexa de San Pedro de Vilar.

-¿Cal será o seguinte alto?

-En Vistalegre, un lugar que se atopa xusto no medio do camiño, no que hai fonte, hórreos, unha casa indiana, un cruceiro... con explicacións sobre a historia, a antropoloxía e os nosos costumes. E na parte de arriba conectamos co camiño histórico, que viña de San Pedro de Vilar, na romaxe que vai a Breamo.

-¿Que distingue a ermida?

-Todo o mundo a coñece polas dúas romaxes de San Miguel, o 8 de maio e o 29 de setembro. A ermida formaba parte dun antigo mosteiro e foi rematada en 1187. Dentro do románico destaca porque ten unha planta de cruz latina con tres ábsides, está todo o templo abovedado, algo que non era frecuente; ten unha das primeiras bóvedas de crucería, temos unha estatua de San Miguel do século XIV, a decoración... É unha ermida moi pequena, pero moi destacable. Hai moi poucas igrexas en Galicia coas peculiaridades da ermida de Breamo.

-¿E a volta por onde será?

-A baixada a Centroña será máis libre, cunha pequena explicación no lugar de Vizús, pasando cerca da vila romana, que non ten acceso. E logo polo camiño dos pescadores, moi antigo e cunhas vistas magníficas da ría de Ares.