Alexandre Caínzos: «A revista Cátedra dá prestixio á cultura da vila de Pontedeume»

A. F. C. PONTEDEUME / LA VOZ

PONTEDEUME

JOSE PARDO

Hoxe preséntase o número 25 desta publicación anual, que serve de estímulo á investigación local

15 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O nome, Cátedra, vén da vella Cátedra de Latinidade, o edificio civil máis antigo da vila eumesa, xunto co consistorio, e sede da biblioteca municipal. O responsable deste servizo, Alexandre Caínzos (Pontedeume, 62 anos), foi un dos fundadores da revista, hai xa un cuarto de século, xunto con Carlos de Castro Álvarez, Andrés López Calvo, Rocío Pena Pena e Sindo Vilariño Gómez, e coordina o consello de redacción. Hoxe, ás sete da tarde, preséntase o número 25 na Casa da Cultura. Cátedra, que leva publicados arredor de 275 artigos, non ten seccións, agás a de Escolma da nosa historia e a do Premio de Investigación Concello de Pontedeume (que naceu ligado á revista, centrada na historia e o arte, co fin de atraer traballos de antropoloxía e etnografía). E con ela viron a luz tres obras monográficas, sobre o mosteiro de Caaveiro, a Segunda República en Pontedeume e o torques e o castro de Centroña, esta última a proposta da Asociación Cultural Ardóbriga.

-¿Como naceu a revista?

-Levo trinta anos na biblioteca e cando ían cinco pensei buscar xente para facer unha revista [...]. Propuxémosllo ao Concello, porque era a maneira de garantir a continuidade, e dixéronnos ‘adiante’. A referencia que tiñamos era o Anuario Brigantino, de Betanzos, porque daquela non había ningunha outra revista de Ortegal ata aquí. Antes sufragábaa o Concello, con axudas da Fundación Caixa Galicia ou da Deputación, e púñase á venta a través da editorial Galaxia; e desde hai sete anos, o Concello paga a maquetación e a Deputación a impresión, e non se pode vender [gustaríanos facelo de novo], agasállase. Case desde o principio intercambiámola con outras 40 publicacións periódicas, a maioría de Galicia (editadas por universidades, concellos, institucións e particulares) e mandamos cada ano uns 200 exemplares a bibliotecas públicas municipais, arquivos e bibliotecas universitarias. E a algunha persoa en Sevilla ou Holanda.

-A temática é sempre local.

-Si, o 99 % do que se publica en Cátedra ten que ver con Pontedeume e a súa comarca. Ese era o obxectivo desde o principio.

-¿Que destacaría destes 25 anos?

-A posta en marcha da revista tivo consecuencias. Moitos dos autores que publican en Cátedra teñen sacado despois libros coa temática deses artigos. Potencia a investigación porque ao ter onde publicar, os autores anímanse. Tivo un efecto contaxio e desde hai anos xurdiron revistas en Neda, As Pontes ou Ortigueira. Xera actividades culturais paralelas (exposicións, conferencias) e axuda a prestixiar a cultura da vila, do pobo e dos seus cidadáns.