«É moi enriquecedor e os nenos maiores coidan dos pequenos»

A. F. C. FERROL / LA VOZ

PONTEDEUME

JACOBO AMENEIRO

Isabel García Millán leva once anos de mestra titora da única escola unitaria de Pontedeume

22 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Na aula do CEIP de Ombre conviven 13 alumnos de tres a oito anos. Isabel García Millán (Palencia, 59 años) leva 11 como mestra titora da única escola unitaria de Pontedeume. Andan estudando os invertebrados e logo chegará o Samaín, polo que estes días alí non paran de cantar: «Unha mañá no bosque, camiñan as arañas, van contar historias, historias de pantasmas, chucuchucuchucuchú...»

-¿Como empezou o curso?

-Moi ben, traballando o outono. Todos os anos facemos un xornal entre todos e estamos ensaiando o musical do Samaín (nenos celtas que están nunha palloza e cantan ‘son unha cabaza cabaciña, iluminada iluminadiña, para os bos espíritos recibir e bailar con eles no Samaín...’).

-É unha devota das unitarias.

-Elixina, creo nela, é educación con maiúsculas, a relación coas familias é excepcional, constante; e programo as clases para nenos de cinco niveis diferentes xogando con algo que os englobe a todos, cada un cos seus coñecementos e as súas capacidades. [...] É moi enriquecedor, os maiores coidan dos pequenos.

-¿Que é o máis importante á hora de educar?

-A innovación, ter os instrumentos necesarios para xerar un interese nos nenos. A capacidade de asombro é a vía; se o consegues, a partir de aí tiras do fío de cada neno ata onde poda chegar. Hai que cubrir uns mínimos de cada nivel, pero a educación ten que ser unha forma de espertar o interese polo coñecemento, e a escola é o vehículo para que os nenos se enganchen.

-Botan man da natureza.

-Para nós é fantástica, nas Fragas do Eume; procuro que sintan esa riqueza e respecto por ela.