«Pontedeume ten que potenciar o Camiño Inglés, crear infraestrutura para que a xente quede aquí»

A. F. C. PONTEDEUME / LA VOZ

PONTEDEUME

PAULA QUIROGA

Constata un aumento de visitantes, «pero pouco gasto», e avoga por «crear algo para competir con Internet»

24 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Naceu en Abegondo hai 61 anos, pero desde os 11 vive en Pontedeume. Fernando Barallobre Vales xa presidira a primeira asociación de comerciantes e empresarios eumeses, que acabou absorbendo ao colectivo do feirón, e que finalmente se transformou na actual Unión de Comerciantes e Autónomos (UCOA). «Fixen de todo, secretario, tesoureiro, vicepresidente...», di un dos socios más veteranos da entidade.

-¿Como está indo o verán?

-Xullo foi fatal polo mal tempo, e iso repercute en todo. Este mes, mellor, pero as cousas están como están, hai moitísima xente, pero, en xeral, pouco gasto.

-Nótase o Camiño Inglés...

-Si, veñen moitos peregrinos, e necesitamos que adapten canto antes o hospitalillo porque hai algunhas queixas polo albergue, que foi algo improvisado porque non contabamos que nos viñera isto encima. Hai grupos enormes que xa non teñen cabida.

-Levan tempo reclamando máis áreas de aparcamento. ¿Como van con este tema no verán?

-Pontedeume tería máis xente se contara con máis aparcamento, pero a orografía é a que é. Nós estamos niso, pedindo máis estacionamentos, porque os clientes quéixanse. Hai xente que vai traballar ás Pontes e deixa o coche aquí ocupando sitio todo o día [desde Pontedeume compárteno varios]; e este ano agudizouse o problema pola obra do mercado, que resta prazas. A xente vai onde chega co coche e cando hai eventos especiais e se habilitan zonas a cinco minutos andando, non as usan.

-Antes falaba de que se gasta pouco. ¿Aínda pesa a crise?

-A crise económica, e tamén a provocada polas compras por Internet. Os pequenos comercios notámolo moito, pero hai que adaptarse, non podes andar choriqueando. Desde hai uns anos é moi difícil polo cambio de hábitos de consumo que se produciu. Hai unha competencia nova, con ferramentas contra as que non sabes como loitar. Pero o pequeno comercio sempre tivo iniciativa e agora temos que crear algo, sacar ideas e buscar o noso espazo para poder competir con Internet, e habémolo atopar. Pontedeume ten o turismo e ten que potenciar o Camiño Inglés, crear infraestrutura para que a xente quede aquí. Pontedeume ten algo e hai que aproveitalo.