Treme a terra en Pontedeume

A. F. C. PONTEDEUME / LA VOZ

PONTEDEUME

CESAR TOIMIL

O colectivo Terra abordou hai pouco a necesidade dun servizo de tren de cercanías na comarca e agora traballa nos preparativos dun novo festival da música galega

22 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O colectivo eumés Terra naceu en 2011 cun obxectivo claro: «Plantar a nosa pequena semente na defensa e difusión dos dereitos do noso pobo, da nosa cultura, da nosa lingua e da nosa historia, desexando que esta semente xermole e floreza, xunto con outras moitas sementes, nun futuro mellor para o noso país». E desde entón foi dando pasos, con actividades moi diversas, como explica Xesús García, secretario da entidade: «Traballamos no ámbito da xustiza social e no plano medioambiental». Nesta liña ía o debate celebrado hai pouco arredor da necesidade dun servizo de tren de cercanías na comarca.

«O ferrocarril debe seguir sendo un servizo público de propiedade pública, no que debe primar, por riba doutras consideracións económicas ou de intereses particulares, o beneficio social que este medio de transporte supón para o conxunto da comunidade», reza o manifesto subscrito neste acto. Uns días antes, Terra encargouse da organización da romaxe de San Miguel de Breamo e os cartos recadados cos postos da festa destinaranos á celebración dun novo festival Treme a Terra, en decembro.

«Había unha asociación, con ese mesmo nome, e fixo durante varios anos o festival, pero despois parou. En 2011 retomouse a actividade e decidimos formar outra asociación, e no 2015 recuperamos o festival, exclusivamente con grupos galegos [nas anteriores había tres bandas galegas e unha de fóra]», indica García. «Queremos potenciar os grupos que cantan en galego, porque é un medio para potenciar a lingua a as expresións artísticas no noso idioma», engade. A entidade que preside Noela de Luxán conta con 60 socios, desde os 20 ata máis de 65 anos, e finánciase coas cotas mensuais, ademais do convenio asinado co Concello de Pontedeume para o festival Treme a Terra. Durante varios anos contaron cun local, o que lles permitiu manter unha actividade formativa regular, con obradoiros de baile ou clases de ioga, pilates, gaita, pandeireta e guitarra, que lles gustaría retomar se conseguen unha nova sede.

A traxectoria de Terra é diversa, igual que os seus integrantes, como apuntan desde a directiva. Festas gastronómicas, obradoiros de fabricación de trampas para a vespa velutina, xornadas micolóxicas, presentacións literarias, espectáculos teatrais ou musicais para nenos... «A maioría temos nenos pequenos», comenta o secretario. De aí que moitas das actividades respondan á ansia de buscar unha oferta lúdica alternativa para os cativos.

A entidade traballa pola difusión da lingua, con especial atención á oferta lúdica infantil