Antonio Manuel Fraga gaña o premio María Victoria Moreno

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

PONTEDEUME

Ramón Leiro

Obtén o galardón de narracións xuvenís na súa primeira edición con «O bestiario científico de Anxos Nogueirosa»

23 abr 2018 . Actualizado a las 23:04 h.

Antonio Manuel Fraga (Pontedeume, 1975) é o gañador da primeira edición do premio de narrativa xuvenil María Victoria Moreno, coa obra O bestiario científico de Anxos Nogueirosa. O fallo comunicouse onte no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. O galardón, que convocan o Concello desta cidade e Urco Editora, está dotado con 4.000 euros e a publicación da obra. Resultaron finalistas os orixinais presentados baixo os lemas Be Water e Irmá Paxaro. O xurado, formado por Montse Pena Presas, Eli Ríos, Andrea Martínez, M.ª Carme Hermida e Andrea Jamardo Seijo destacaron de O bestiario científico de Anxos Nogueirosa a fortaleza das personaxes femininas e o feito de introducir o bestiario máxico galego nun contexto histórico. Ademais, Carme Hermida sinalou que «a sensibilidade coa que está escrita fixo pensar á maioría do xurado que fora escrito por unha muller».

Antonio Manuel Fraga explicou onte que este era un libro no que levaba anos traballando. Está dedicado a dúas mulleres, a científica Ánxeles Alvariño e a mestra Elvira Bao. A trama está ambientada nos anos da República e ten como escenario as colonias do sanatorio de Oza. Alí chega, por motivos de saúde o narrador da historia, un rapaz de aldea, quen coñecerá a unha rapaza que lle falará do caderno da súa tía Anxos, no que recolle anotacións das súas investigacións. Estas pescudas céntranse en seres máxicos, como os homes mariños, pero moitos outros inventados polo autor: por exemplo, o cervoxo, un cervo con cornamenta de toxo. Fraga expresou a súa «satisfacción e orgullo» por gañar un premio co nome de María Victoria Moreno: «Alegreime cando lle dedicaron o Día das Letras. Fíxose xustiza, por ser muller e por escribir literatura infantil e xuvenil, que algúns cren que é un xénero menor. É a miña teima demostrar que iso non é así».