Noia Campos e Requeixo Cuba intervirán no congreso de Ortigueira sobre Cunqueiro
ORTIGUEIRA
Ramón Villares non poderá acudir finalmente á cita, na que si estarán Martinho Montero, Jesús Blázquez e Carlos Breixo
29 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O plantel de relatores do congreso dedicado a Álvaro Cunqueiro que se celebrará os días 2 e 3 de outubro no Teatro de Beneficencia, en Ortigueira, medra. A Asociación Cultural Terras do Ortegal, impulsora desta iniciativa, anuncia a participación de María Camiño Noia Campos, catedrática de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Vigo, e recoñecida como profesora emérita desta institución. Os organizadores destacan «o extenso recorrido académico, intelectual e de creación» desta profesora, fundadora de Edicións Xerais de Galicia, directora do Colexio Universitario de Vigo e decana da facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo. Ademais de ser a autora dun «estudo sistemático» de toda a poesía do narrador mindoniense, Álvaro Cunqueiro. Trinta poemas. Selección e comentarios de Camiño Noia (2014).
O colectivo promotor do congreso confirma tamén a presenza do profesor e escritor mindoniense Armando Requeixo Cuba, secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e docente na Universidade de Santiago de Compostela. Tamén é catedrático de Lingua Galega e Literatura de Ensino Medio e coordinador de actividades e publicacións da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro. «Ten unha extensa obra publicada no ámbito da crítica literaria e asómase á prensa diaria como divulgador do mundo da literatura», sinalan desde Terras do Ortegal. Subliñan o seu traballo ao fronte dos Encontros Álvaro Cunqueiro, dentro dos cursos de verán da Universidade de Santiago que se celebran en Mondoñedo.
Os artífices das xornadas que servirán para conmemorar a estancia de Cunqueiro en Ortigueira, durante os anos 1936 e 1937, sinalan que Ramón Villares non poderá acudir finalmente. Si o farán Martinho Montero, Jesús Blázquez e Carlos Breixo. O día 2 de outubro haberá sesión de tarde, e o 3, de mañá. O programa completo do evento e a forma de inscrición para poder asistir ás diferentes intervencións anunciarase logo da reunión do comité organizador, presidido por Manuel Bouzamayor, responsable de Terras do Ortegal, e que conta cun comité asesor integrado polo escritor Manuel López Foxo e o narrador e xornalista de La Voz Ramón Loureiro.