Cristian F. Caruncho e Lidia Cao volven conquistar Ortigueira: «Estamos moi agradecidos coa acollida»

A. CUBA ORTIGUEIRA / LA VOZ

ORTIGUEIRA

<span lang= gl >Cristian F. Caruncho e Lidia Cao, co seu novo mural en Ortigueira, que remataron o sábado</span>
Cristian F. Caruncho e Lidia Cao, co seu novo mural en Ortigueira, que remataron o sábado I. F.

O avó e a neta gaiteira chaman a atención de quen pasa ao pé das casas da Preguiza

09 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Os coches baixaban amodo para ir vendo a evolución do mural, e onte, co traballo xa rematado desde o sábado, moitos paraban, saudaban ou tocaban a bucina ao pasar. Cristian F. Caruncho (Couzadoiro, 28 anos) e Lidia Cao (Ordes, 28 anos) volveron conquistar Ortigueira co seu arte, esta vez nun edificio fronte ás casas da Preguiza. O Concello, que contou con financiamento da Xunta, encargoulles «algo interxeracional» e saíulles un avó, inspirado nun vello gaiteiro, obra de Cristian, e que lle transmitiu a súa sabedoría á neta, personaxe pintado por Lidia. A mestura infalible.

«Coincide algo bonito, eu son de aquí e Lidia é unha artista das máis top do muralismo galego, con proxección internacional», opina Cristian, que leva unhas trinta presentacións do cómic O día de San Martiño, co que gañou o Premio Castelao de Banda Deseñada no 2023, e anda a voltas cun novo guión e con outro proxecto dun mural. Logo dunha intensa semana de traballo en Ortigueira, Lidia marcha para La Rioja e despois, a Suíza. Herdanza, o título desta nova obra, reflicte ben os dous estilos, que harmonizan á perfección. Igual que pasou antes coa Ghaiteira, preto da estación de tren, ou a Punkiereteira, á entrada da vila desde Ferrol.

A música, arredor do Festival de Ortigueira, é o fío narrativo dos tres murais, parte xa da identidade local, xusto o que buscan. «Gústame que se relacionen entre si, que se poida facer unha ruta», di Lidia, que se sente moi a gusto nesta vila. No colexio tamén deixaron a súa pegada, polo 50 aniversario, e é probable que repitan no 2028, polo medio século do Mundo Celta. Contan que unha señora se emocionou ao ver ao avó e á neta, coa que se identificou. «Estamos moi contentos de ter sido capaces de transmitir algo así», coinciden, agradecidos polo apoio dos veciños no proceso e «pola acollida.»