O Colexio M. Peleteiro entregou este xoves os galardóns nun acto no que Armando Requeixo foi o mantedor
10 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.As letras galegas teñen canteira de calidade. Así queda acreditado na nova edición dos Premios Literarios Minerva, que foron entregados onte polo Colexio M. Peleteiro nun acto que reuniu aos doce galardoados, ademais de representantes institucionais, membros directivos do colexio e da organización, así como representantes dos centros educativos premiados, entre outros.
En narración, o gañador foi Raúl Bouzón (Colexio M. Peleteiro), seguido por Alba Prieto (IES de Ortigueira) e Mara Arca (IES Vilar Ponte de Viveiro). Tamén recibiron accésits Elvia Pérez (IES de Ames), Alba Lorenzo (IES Santa Irene de Vigo) e Iria García (Colexio Sagrado Corazón Placeres de Pontevedra). Pola súa banda, Inés Pereiro (Colexio María Auxiliadora Salesianos de Vigo) impúxose na modalidade de poesía. O segundo foi Román Rojo (IES Rafael Dieste da Coruña) e a terceira, Antía Paradela (Colexio M. Peleteiro). Así mesmo, Cristina Vicho (IES A Pinguela de Monforte), Simón Torres (Colexio M. Peleteiro) e Marta Penabad (IES de Ortigueira) recibiron accésits.
Os premiados leron un pequeno fragmento da súa obra durante o evento presentado pola alumna Marta Arce e que contou como mantedor co profesor, investigador e crítico literario Armando Requeixo, que tamén leva anos como membro do xurado na modalidade de narrativa: «Ogallá sexades auténtica materia da que están feitos os nosos soños: a literatura», afirmou dirixíndose aos distinguidos. Pechou o acto a concelleira de Relacións Veciñais de Santiago, Pilar Lueiro, indicando que os Premios Minerva «convertéronse en institución imprescindible nas nosas letras». Ademais, lembrou que son «o berce onde floreceron» autores como Darío Xohán Cabana e Suso do Toro.