Raúl Bouzón López e Inés Pereiro Martínez gañan os Premios Literarios Minerva

La Voz SANTIAGO

ORTIGUEIRA

O xurado dos Premios Minerva de literatura xuvenil
O xurado dos Premios Minerva de literatura xuvenil

O certame organizado polo Colexio M. Peleteiro é un dos máis consolidados da literatura xuvenil galega

08 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Raúl Bouzón López, alumno de 4º da ESO do Colexio M. Peleteiro, e Inés Pereiro Martínez, de 1º de Bacharelato do Colexio María Auxiliadora Salesianos de Vigo, son os gañadores dos primeiros premios da 54ª edición dos Premios Literarios Minerva, organizados polo Colexio M. Peleteiro, de Santiago. O certame, un dos máis consolidados da literatura xuvenil galega, está dirixido a alumnado de 3º e 4º da ESO, Bacharelato e Formación Profesional de centros educativos de Galicia e ten como obxectivo fomentar o uso do galego no ámbito educativo e impulsar a creación literaria entre as novas xeracións.

Bouzón López acadou o primeiro premio na modalidade de narración co relato «E ti de quen es?», mentres que Pereiro Martínez foi distinguida na categoría de poesía pola obra «Portus Dorsum/Mica/Dolmen». Ambos galardóns están dotados con 800 euros e unha medalla conmemorativa.

En narración resultaron finalistas 14 traballos. O segundo premio foi para Alba Prieto Ramil, alumna de 4º da ESO do IES de Ortigueira, pola obra «O último recordo» e o terceiro recaeu en Mara Arca Moliner, estudante de 3º da ESO do IES Vilar Ponte de Viveiro, polo relato «Abaixo de París». Ademais, o xurado concedeu tres accésits, a Elvia Pérez Álvarez, do IES de Ames; Alba Lorenzo Eiriz, do IES Santa Irene de Vigo; e Iria García García, do Colexio Sagrado Corazón Placeres de Pontevedra.

Na categoría de poesía, na que se seleccionaron 20 obras finalistas, o segundo premio foi para Román Rojo Campaña, alumno de 2º de Bacharelato do IES Plurilingüe Rafael Dieste da Coruña, polo poema «Muíño», mentres que o terceiro galardón foi para Antía Paradela Casal, de 1º de Bacharelato do Colexio M. Peleteiro, por «A voz do mar». Os accésits recaeron en Cristina Vicho de la Fuente, do IES A Pinguela de Monforte de Lemos; Simón Torres Fachal, do Colexio M. Peleteiro; e Marta Penabad Timiraos, do IES de Ortigueira.

O secretario do certame e profesor do Colexio M. Peleteiro, Mon G. Buhigas, destacou o elevado nivel das obras premiadas e subliñou que os traballos «amosan a forza e a puxanza do talento novo que anuncia un futuro prometedor para as nosas letras».