José Alonso: «Cheguei a gañar en 60 días para un coche e agora levas 1.200 euros ao mes»

ORTIGUEIRA

José Alonso, no porto do Vicedo
José Alonso, no porto do Vicedo Xaime Ramallal

Tras 40 anos traballando na baixura, os últimos 13 no Vicedo, este mariñeiro de Espasante cambiará de oficio: «Isto acábase»

23 feb 2026 . Actualizado a las 13:41 h.

Desde os 14 anos ata hai uns meses, José Alonso Trasancos (Espasante, Ortigueira, 54 anos) traballou no mar. Despois de trece anos na Lauriña 13, embarcación con porto base no Vicedo, agora está desempregado trala xubilación do patrón e armador. Busca traballo, pero ten claro que non será na pesca.

—Iso chama a atención porque a vostede gústalle moito pescar.

—Ao principio eu non ía xogar ao fútbol, tirábame máis a praia. E estaba metido no mar seguido. Un pouco máis grande ía co avó aos calamares, e logo xa comecei con meu pai no porto de Cariño. Daquela había moi pouca baixura, faenábase máis ao palangre, a Gran Sol. Non había case nasas. Largabas e entraban as nécoras de día, con 150 nasas pescabas moito. Agora con 700 non colles nin a metade. Houbo unha sobreexplotación.

—Que lle gusta do mar?

—Sempre traballei na baixura, iso tíñao claro. Quería durmir sempre na casa. Pero o mar vívelo, traballando ao aire libre sintes liberdade. Lembro, por exemplo, cando durante a pandemia do coronavirus a xente estaba temerosa do contaxio e nos andabamos faenando.

—E que o leva a cambiar de vida?

—Traballar no mar é bonito pero tamén sacrificado. Eu cansei. Pasei moitas e vin cambiar isto tres ou catro veces: no 1985 a cousa ía ben, no 2000 súper ben e agora moi mal. Antes, a xente nova tiña un incentivo para meterse neste oficio. Cando eu empecei gañaba moito diñeiro e iso fai que vaias traballar con ilusión. En dous meses quitei para un Ford Fiesta, que me custou daquela 1.200.000 pesetas (ri). Ao empezar, sendo un rapaciño, un día quixen invitar a unha rolda a todo o bar e frenáronme (ri). Agora gañas máis en terra e sen necesidade de mollarte, de paceder os temporais, de ter menos días libres ou de levantarte ás catro da mañá. Non podes traballar na pesca e cobrar 1.200 euros ao mes, mínimo deberas percibir o dobre ou o triple.

—Ve futuro á pesca?

—A baixura, tal e como a coñecemos, acábase, vexo insostible ter unha lancha. Non hai practicamente relevo xeracional, e cando meu fillo se achegou unha vez ao muelle díxenlle que se apartase (ri). Mercar unha embarcación poden ser 100.000 euros, logo tes un montón de gastos, épocas de non coller nada e ter que parar... Hoxe en día gañan máis os intermediarios, tirando dun aval bancario e indo comprar para logo vender, que quenes van buscar o peixe.

—Como se chegou a este punto? Falaba de sobreexplotación.

—É un cúmulo de cousas. Agora na última lancha na que andiven tirabamos 150 nasas e colliamos pouco máis que dez quilos de polbo. Non houbo unha conciencia de futuro e xa non se gaña. Sempre se pescou de máis, pero ultimamente estábanse a sobrepasar uns límites. Houbo un cambio de mentalidade, máis curtopracismo e individualismo. Nunca se colleu polbo pequeno, por exemplo, e agora si: non convences á xente para prescindir de levar 1.000 euros a cambio de que nos vaia mellor a todos despois. O mar é máis listo que o ser humano, que eu creo que está á cola dos animais (ri), pero teslle que deixar tempo para rexenerar. Se todos coidasemos do mar, a riqueza das nosas costas daría para todos, e con menos esforzo do que facemos agora.

—En que aspecto influíron as Administracións?

—A baixura somos un pouco os últimos da fila. Acaba o Nadal e aquí no norte podes parar dous ou tres meses, porque polbo non hai nada. Pero non temos axudas, cando si se lle bota unha man ao marisqueo, por exemplo. Nós non pedimos facernos ricos, senón que se nos bote unha man en épocas malas para cubrir uns mínimos. Agora estase a potenciar a acuicultura ou as grandes empresas mentres o sector primario está de capa caída. Que queren, que veña o peixe envasado? A normativa tampouco axuda: hai trabas por todos os lados e prohibíronse artes que eran artesanais. Quenes fan as leis deberan pasar máis tempo nos portos.

«Un bo percebeiro necesita de sangue frío e poñerse uns límites»

José Alonso traballou durante máis de tres décadas entre Ortegal e A Mariña como percebeiro. «Empecei moi novo e ensináronme a coller percebe do bo, non tanta calidade senón a cortar o menos posible, pero de calidade», explica. «Os percebeiros deberan dedicarse ao grande, porque saturas menos o mercado e gañas suficiente». De aí, expón, que «eu cheguei a vendelo por 350 euros en Nadal e agora non alcanza os 200».

—Un percebeiro arrisca a vida no traballo.

—Non é fácil tomar algunhas decisións. Cando vale moito o percebe? Cando non vai ninguén. Cando non vai ninguén? Cando está malo e aí máis risco. Eso lévate a un certo egoísmo, pero hai que poñerse límites e está todo na man dun. Coñecín xente que por ir coller un pouco de máis logo tivo un accidente e estivo varios meses de baixa. Un percebeiro debe ter o sangue frío. Nós vixiabamos as ondas, estudábamolas para calcular cando ían vir e o tempo do que dispuñamos, algunhas veces uns segundos. Se falta unha hora para baixamar, daquela vas ter marxe. Se non, non podes.