Manuel López Foxo: «As lembranzas dos vellos son a memoria de todos»

Ramón Loureiro Calvo
Ramón Loureiro FERROL / LA VOZ

ORTIGUEIRA

Ramón Loureiro

Terras de Ortegal publica a edición definitiva do libro no que o escritor rende tributo a «unha cultura que se perde»

21 nov 2023 . Actualizado a las 17:53 h.

Manuel López Foxo (San Claudio, Ortigueira, 1960) é, como ben se sabe, un ensaísta rigoroso, de sólido criterio e de prosa moi brillante: unha voz de referencia no que atinxe ao estudo dos grandes clásicos da literatura galega. É tamén —aínda que iso, quizais, non se saiba tanto— un excelente poeta, que leva no lentor dos versos o arrecendo da terra. Pero é, ademais —e isto si que xa é menos coñecido—, un escritor moi interesado na antropoloxía cultural e nas fontes que permiten adentrarse na intrahistoria de Galicia. E isto último (que case non se coñeza o labor de López Foxo en ámbitos coma os da antropoloxía) resulta un tanto sorprendente tendo en conta que el é autor de libros coma Os vellos, un volume de alto valor documental que viu a luz na súa primeira edición hai trinta anos, cando se editou na imprenta do recordado David Fojo, e que agora volve saír á luz, nunha edición ampliada, e ilustrada con numerosas fotografías, que nace da man de Terras do Ortegal.

«As lembranzas dos vellos son a memoria de todos: deles, dos que viviron antes que eles, de todos nós... e dos que virán despois», di López Foxo. Os vellos, volume que leva por subtítulo A memoria da vida é unha cultura que se perde, vertébrase arredor dos testemuños persoais de nove octoxenarios (Suso de Cabeceira, Maruja de Casanova, Platas, María da Cruz, José Manuel de Rivas, Lola de Perico, Suso de María da Aira, Aurora de Benito e Pataquiña) que nas súas palabras amosan unha infinita sabedoría e a auténtica grandeza dos seus corazóns. Ningunha desas persoas vive xa. Pero, grazas ao libro de Foxo, as súas voces habitan a eternidade.