Ortigueira precisou tres plenos para dotar de fondos o Mundo Celta

A. F. C. ORTIGUEIRA / LA VOZ

ORTIGUEIRA

JOSE PARDO

A abstención da concelleira de P. Orti permitiu destinar 445.000 euros do remanente ao festival

17 may 2023 . Actualizado a las 16:00 h.

O ano pasado xa fixeran falla dous plenos para sacar adiante unha modificación de crédito con cargo ao remanente de tesourería, que incluía unha partida de case 400.000 euros para o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Esta vez foron necesarios tres, e volveu ser decisiva a abstención da concelleira de P. Orti. Ana Franco, que xustifica a súa postura «por responsabilidade», criticou con dureza ao alcalde, Juan Penabad Muras (PSOE), por non se sentar a negociar co resto dos grupos «e presionar á Escola de Gaitas [varios representantes asistiron ao pleno] e aos comerciantes», para que á súa vez forzaran o voto da oposición.

A contía aprobada é de 445.000 euros, que se suman aos 100.000 xa consignados no orzamento prorrogado para o festival. «Case sae a cen mil euros de fondos municipais por día de festival, nun Concello cun orzamento de 6,4 millóns, con 120 persoas en lista de espera no Servizo de Axuda no Fogar e coas traballadoras sen vacacións desde hai dous anos. Esas son as prioridades», reprocha o voceiro do PP, Valentín Calvín.

Isabel Rego, de Centristas, insistiu en que en marzo «xa se coñecía o remanente e púidose levar isto a pleno» e negocialo coa oposición. «Pero nin sequera nos entregaron toda a documentación do festival do 22, non hai transparencia», recriminou.

No último pleno, o luns, Muras optou por aparcar o incremento salarial do persoal municipal e unha partida para afrontar reclamacións de Viaqua pola suba da auga, que ían na proposta que levou aos dous anteriores, para centrarse no festival. «Hai moito en xogo, agradezo a axuda da hostalería e da Escola de Gaitas. Sen a presión social non tería saído. Preferiría perder as eleccións que deixar o meu pobo sen festival», remarcou onte.

O alcalde explicou que o festival custa arredor de 600.000 euros: «O ano pasado, entre suvencións e patrocinios recaudamos 320.000, polo que o custe para o Concello foi de menos da metade. E este ano esperamos máis axuda dalgún patrocinador e das Administracións. Pero na contabilidade do Concello ten que aparecer unha partida global para o festival».