Fernando Bello, Ortigueira: «A moto non lla deixas a calquera, por non dicir que a ninguén»

ANA F. CUBA ORTIGUEIRA / LA VOZ

ORTIGUEIRA

CEDIDA

Este afeccionado espera que a concentración que organiza para o día 29 sexa a primeira de moitas na vila

13 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Fernando Bello Castro (Espasante, 55 anos) sempre tivo moto. «Desde que era novo, despois casei e tiven o fillo, e abandoneina un pouco, e hai uns anos que a retomei», conta. E pouco a pouco foise creando un grupo de afeccionados en Ortigueira, onde vive, que non se constituíu en motoclub porque di que «iso require moito papeleo». «Somos vinte ou vinte e dous, ás veces saímos dez, outras oito, catro... somos bos amigos». De aí xurdiu a idea de organizar unha concentración moteira para o 29 de abril, con punto de encontro ás dez da mañá na Alameda.

—É a primeira concentración?

—En Ortigueira hai dous motoclubs como tal e hai anos fixérase algo. Eu é a primeira vez que a fago, co grupo de amigos. Quería animar isto, como eu vou a outras concentracións apetecíame organizar unha aquí tamén. Se vai ben esta vez, o ano que vén procurarei facela dous días.

—En que vai consistir?

—Xuntarémonos na Alameda e faremos unha ruta pequena ata o banco de Loiba, por Espasante e por Ortigueira [inscrición no 660 715 914]. Despois teremos sesión vermú [co grupo Fusión] e xantar [por 25 euros, 15 para menores de 12 anos, con inscrición previa no 652 005 522, ata o día 21]. Haberá sorteos cos tíckets da inscrición da ruta e máis festa pola noite. Para ser a primeira vez e só un día, non ten dúbida.

—No cartel aparecen moitos establecementos da zona.

—Son os que colaboraron no cartel. Polo demais, conto coa axuda do Concello, que pon a carpa e déixanos usar o pavillón se alguén se quere quedar durmir; os bares da zona da Alameda: Malecón, Terraza de Laura, Muelle 21 e Manolo's; e tamén Motos Xoeiras, que aínda que non aparece no cartel, é un colaborador importante.

—É habitual das concentracións?

—Teño ido á do Valadouro, á de Mondoñedo, á dos Fojeteiros [en Narón], á quedada da peña O Carallo 29 [tamén de Narón], á de Cariño, á Bañeza [León]... Gústanme porque te reencontras coa xente. Nas últimas ás que fun estiven promocionando a de Ortigueira, antes de que se anunciada, para que veña xente. Gustaríame que viñeran moitos. Todo o que se faga no pobo é bo, para a hostalería, para o comercio, para os aloxamentos [algúns fan prezos especiais ese día]... Todo vai depender do tempo, se fai bo e vén xente e lle gusta a zona, pódense xuntar moitos, e vir con frecuencia, polo que xa lle vou ir pedindo ao Concello que habilite unha zona de aparcamento específica para motos.

—Chama a atención que sempre se saúden cando se cruzan con outras motos, sen coñecerse...

—A moto é un vínculo, aínda que non te coñezas de nada. Se ves a alguén parado báixaste e preguntas se lle pasou algo. É un sentimento especial, hai que vivilo. Cando a muller me di se imos á Coruña no coche, dígolle que non teño gañas, pero se me di na moto, arrinco xa no momento.

—Que ten de especial?

—É outra sensación, é difícil de explicar, tenche que gustar. O aire dáche na cara, aparcas en calquera lado, dentro do que estea permitido, podes chegar a calquera sitio, tumbarte nunha curva... para min é o máximo, andaría todo o día nela se puidera.

—Que moto ten?

—Unha Suzuki V Strom 650. Gústanme as de antes, as de hoxe son todo electrónica. E non son de cambiar moito, aprovéitoas.

—Para iso hai que coidalas ben.

—Á moto cólleslle cariño, cando aparcas miras que quede ben firme, que non vaia caer, e non lla deixas a calquera, por non dicir a ninguén... e co coche non hai problema en prestalo.