O grupo Tor participa na presentación do Festival Celta de Ortigueira

La Voz OURENSE / LA VOZ

ORTIGUEIRA

Concerto de Tor en Xinzo
Concerto de Tor en Xinzo Cedida

A formación dos irmáns Castro Vicente actúa no Teatro de Beneficencia 

11 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Festival Celta de Ortigueira é unha das referencias do panorama dos certames de música que se celebran no verán. Un espazo que hai moito tempo está consolidado como punto de encontro para grupos dos países vencellados ás coñecidas como as «nacións celtas», aínda que tamén teñen participado formacións doutros lugares. A edición do 2023 será presentada este sábado no Teatro de Beneficiencia de Ortigueira e o acto no que se dará a coñecer o festival deste ano contará con presenza ourensá.

A presentación do Festival Celta de Ortigueira comezará ás 19.00 horas e o concerto do grupo ourensán Tor —actividade que se inclúe na iniciativa do certame— forma parte do ciclo Festival no Teatro. Tor é unha banda formada polos irmáns Félix (concertina, acordeón diatónico e gaitas) e Cástor Castro Vicente (frautas e buzuqui) e os músicos vigueses Xosé Liz (buzuqui) e Álvaro Iglesias (contrabaixo). O concerto que se poderá escoitar esta tarde no Teatro de Beneficencia de Ortigueira ofrecerá un programa a base de temas tradicionais galegos recopilados polos irmáns ourensáns e que forman parte do Arquivo Castro Vicente. Caracterízanse os mesmos por unha «potente base rítmica, na liña do folk céltico atlántico». O festival celebrarase do 9 ao 16 de xullo.