A xira de Saínza, a adolescente que loita polo rural e a igualdade

A. CUBA ORTIGUEIRA / LA VOZ

ORTIGUEIRA

Os autores, Cristian F. Caruncho (esquerda) e a escritora María Canosa, compartiron presentación co editor, Xosé Luís Martínez, no local da Asociación de Veciños Francisco Rodríguez Otero, en Labañou
Os autores, Cristian F. Caruncho (esquerda) e a escritora María Canosa, compartiron presentación co editor, Xosé Luís Martínez, no local da Asociación de Veciños Francisco Rodríguez Otero, en Labañou MIGUEL MIRAMONTES

O debuxante de Ortigueira Cristian F. Caruncho e a escritora María Canosa son os autores deste libro ilustrado

08 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A viaxe de Nadal de Saínza, a punkiereteira, comezou na biblioteca do Barqueiro (Mañón), seguiu pola de Ortigueira e chegou ao local da Asociación de Veciños Francisco Rodríguez Otero, no barrio de Labañou (A Coruña). Unha das presentacións máis esperadas foi a de Ponteareas, onde o debuxante Cristian F. Caruncho (Vidueiros, Couzadoiro, Ortigueira, 1997), ilustrador do libro, e a escritora María Canosa (Cee, 1977), autora do texto, se atoparon coas inspiradoras desta historias, As Punkiereteiras. Cristian viviu esta cita como «a máis emotiva» e Canosa comentou que resultara «xenialísima».

Pero aínda quedaban paradas desta xira de Nadal, nas Pontes, no local da Gentalha do Pichel (en Santiago) e na Casa da Cultura de Boimorto, coa Asociación Cultural A Chousa Vella. Saínza, a punkiereteira, o álbum ilustrado publicado por A Costureira Edicións, conta as vivencias dunha adolescente afouta, amante das curuxas e, por riba de todo, defensora e loitadora polo rural e pola igualdade. «Vivir no medio da natureza, poder tocar, ulir e sentir o mundo dese xeito era un auténtico privilexio». Así o sente esta rapaza, que non cala diante das inxustizas. Saínza comparte confidencias coa súa avoa (no libro reprodúcese a receita do doce de mazás que elaboran xuntas), ten o lila coma cor favorita —«sae da mestura do rosa e azul; nin rosa para nenas nin azul para nenos, lila para todas e todos»— e toca a pandeireta. Na introdución desvélase que Saínza non atura o exceso de purpurina e non soporta ascensores nin convencionalismos.

A letra da canción coa que remata esta historia, que podería ter continuidade, reflicte ben o espírito reivindicativo da protagonista e mesmo dos autores e do editor, Xosé Luís Martínez (A Barqueira, Cerdido, 1978): «Loito pola miña terra, son de aquí e son galega, e se se meten con ela comezaremos a gherra [...] E as armas do rural ninghén as cargha de balas, traballamos con fouciños / e machadas afiadas».