As raíces ortegalesas do fotógrafo Emilio Lavandeira

X. M. T. OBITUARIO

ORTIGUEIRA

SANDRA ALONSO

02 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai poucos días falecía en Santiago o fotoxornalista Emilio Lavandeira Prieto. Nacera en Ortigueira o 30 de xuño de 1934, naquela convulsa II República á que seguiu a tráxica guerra civil do 36... malos tempos para un neno, que sen embargo, daría lugar a un adulto feliz, de humor contaxioso. Naceu no domicilio familiar da rúa Curuxeira, unha rúa modesta da entón puxante capital do Ortegal. O seu pai, Tomás Lavandeira Varela, oriundo da Coruña, era «peatón», isto é carteiro, do concello de Mañón; destinado como empregado de Correos, aquí casou con María Dolores Prieto Cao, con ese apelido Prieto de arrieiros maragatos que se asentaron na zona no XIX. Despois da guerra, en 1942, a familia trasladouse a Santiago. Na popular rúa de San Pedro a súa nai, unha muller traballadora, estableceu unha pensión onde residían algúns estudantes e comían moitos máis, pola sona de boa comida naqueles anos 40 de fame e escaseza. Medrou así o pequeno Emilio, alegre, entre estudantes, algúns deles de Ortigueira, como Alfredo Torres Pajón e Juan Luis Pita Romero, futuros farmacéuticos, que alí se hospedaban. A súa vida de estudante de Dereito en Santiago e despois de Xornalismo en Madrid é máis coñecida. Na capital traballou en importantes medios (ABC, Arriba, Nuevo Diario, Blanco y Negro, EFE), ata que en 1979 retornou a Compostela da man da axencia EFE. A súa presenza era constante a pé de rúa, en actos e celebracións dos que deixaba constancia. A Ortigueira volveu nalgunha ocasión. Aquí expuxo os seus debuxos e acuarelas, algúns de cregos —algo irreverentes, pero nunca ofensivos— que visitaron toda Galicia. En abril de 1997 foi invitado polo Concello e a nonnata fundación de Xornalismo David Fojo a participar nunhas xornadas en memoria do falecido, dous anos antes, director do semanario La Voz de Ortigueira. Próxima a súa xubilación, aventurou que non lle desgustaría impartir aquí cursos de fotografía nos veráns. A indolencia habitual fixo que a proposta caera en saco roto. Lembrando aquilo, hai poucos anos, a asociación Terras do Ortegal tentou invitalo a dar unha charla na súa vila natal. Non foi posible. Nos arquivos estatais figuran fotografías súas, como cando cubriu, para EFE, a chegada a Madrid en 1969 dos astronautas do Apolo XI, Armstrong, Aldrin e Collins, que chegaron á Lúa por primeira vez. Foi mestre de fotoxornalistas, si, pero era pola súa calidade humana polo que destacaba en calquera lugar.