Sequera unha palabra

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

ORTIGUEIRA

13 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando iamos visitar a miña madriña, da súa boca comezaban a saír palabras. Contos, historias, sucedidos, anécdotas... Era unha fervenza rumorosa, sen estridencias e sen parada. Encantábame escoitala, pero cando marchabamos non podía evitar un nó no corazón. Falaba moito porque estaba soa, porque necesitaba sentirse acompañada, porque aproveitaba eses momentos para logo rememoralos nas longas horas de saudade.

 

Lembrei moito isto nos últimos tempos. Canta xente vivirá no medio do silencio durante este último ano? Demasiada. Sempre é demasiada.

En Ortigueira hai máis dun cento de núcleos despoboados, e outro tanto no que tan só quedan unha ou dúas persoas. Poden botar o día sen falar con ninguén. O veciño, ou o bar máis próximo, atópase a quilómetros de distancia. Así é difícil socializar. Entendo que hai a quen lle guste esta tranquilidade cando é buscada. Pero hai moitos habitantes que o que senten é unha desolación inmensa. Ven apagarse a súa vida e a do seu lugar, aos poucos. Por moita resignación da que fagan uso, non deixa de ser unha agonía.

O poder da palabra é inmenso. Con ela expresamos, damos fe da existencia, denunciamos, pedimos axuda, acariñamos, rexeitamos, transmitimos afecto, despedímonos. Deixar todo isto ao silencio só nos leva a unificar estados.

Entendo que facilitar ou posibilitar a vida é complicado, pero deixar esmorecer o cerne dos lugares debera remoer nas conciencias. Non deixemos derrubar as pontes de palabras. As engurras cheas de silencio son abismos.