«Non hai positivos, pero seguimos tendo a espada de Damocles»

Ana. F. Cuba FERROL / LA VOZ

ORTIGUEIRA

24 abr 2020 . Actualizado a las 19:31 h.

Araceli Collado Díaz (Narón, 51 anos), traballadora social, dirixe a Residencia de Maiores Dolores Díaz Dávila desde hai 18 anos, cando asumiu a xestión o Concello de Ortigueira. O centro, con 50 prazas residenciais e dez de centro de día, forma parte do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar desde o 2007. A aplicación estrita do plan de acción elaborado antes de que se decretara o estado de alarma, e «algo de sorte», fixeron que, «ata o momento», como precisa a responsable, non haxa ningún caso de coronavirus entre residentes ou persoal (35, que veñen sendo uns 50 coas substitucións de baixas ou as reducións de xornada).

-Cando se puxeron alerta?

-Cando empezou a haber algún contaxio no territorio español e cando quedou patente que había xente totalmente asintomática que pode ser vector de transmisión do COVID-19, e xente que se desprazaba de Madrid a Galicia. Antes de que se declarara aquí o estado de alarma pedimos indicacións ao Consorcio e, desde o centro, todos os profesionais participamos na elaboración dun plan de acción. Os técnicos: a enfermeira, Ana Varela, un puntal do centro; o psicólogo, que está facendo unha labor fundamental de atención aos usuarios e ás familias; a terapeuta ocupacional e a educadora social. As xerocultoras, que son as que exercen a diario os coidados das persoas usuarias; e o persoal servizos xerais, que adquiriu unha relevancia tremenda porque houbo que cambiar o sistema de limpeza do centro, utilizar outros produtos, centrarse na limpeza de fómites (pomos, chaves da luz, pasamáns, teclados, repousabrazos das cadeiras, varandas, teléfonos), todo o que tocamos sen darnos conta e por onde podemos transmitirnos uns a outros o virus.

-Cal foi a reacción dos usuarios e das familias?

-Nun inicio custou a concienciación, pola incredulidade de que fora chegar a Ortigueira, non eran conscientes do risco (os que non teñen deterioro cognitivo) e ían perder independencia, deixar de saír. Algúns foron totalmente colaboradores desde o principio, e unha vez que entenderon cales eran os riscos e as posibles consecuencias e as viron cerca, a colaboración foi absoluta. Cansa estar pechados, como a todos, e aquí levan desde o 12 de marzo. Era xoves e xa lles recomendamos encarecidamente que non baixaran ao mercado á vila.

-As características do centro facilitan o confinamento.

-Si, temos máis de catro mil metros cadrados polos que poder camiñar, con corredores moi anchos, moi iluminados, con moi boas vistas, á vila e á ría.

-Como se xestiona a preocupación do persoal polo estado dos usuarios, por eles mesmos e tamén polas súas familias?

-É, quizais, o factor máis complicado, o persoal é o principal vector de contaxio porque sae do centro.

-Ningún positivo, con todo o que está pasando...

-Si, o día 10 fixéronse as probas aos usuarios e ao persoal e non houbo ningún positivo, pero mañá pódeo haber, seguimos tendo a mesma espada de Damocles que o primeiro día, pero agora temos unha experiencia adquirida de prevención. Tiña medo de que houbera algún positivo, porque cambiaría totalmente a perspectiva e os ánimos, pero tamén tiña moito medo de que a xente pensara que estabamos inmunes, cando non existe a inmunidade [...]. Tivemos un usuario con febre (deu negativo) e xerounos preocupación e desvelos, e unha traballadora tamén con síntomas compatibles (tamén negativo), e iso foi aínda máis estresante polo contacto cos usuarios.

-Cre que inflúe o feito de ser un centro público?

-Para min, é un factor de protección, e os datos aválannos, houbo menos contaxios que nas privadas [...]. Habería que pensar un cambio de modelo, pensar máis no coidado que na rendibilidade. Gustaríame destacar a coordinación desde a área de Benestar e coa Área Sanitaria de Ferrol., a dilixencia coa que actúan.

«Temos máis de catro mil metros no centro polos que poder camiñar»