O porco Antón ten preferencia

Iago codesido, j.m.C. FERROL

ORTIGUEIRA

CEDIDA

O animal que se sortea para costear as festas xa pasea libremente por Espasante

12 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Na entrada de Espasante, unha parroquia de Ortigueira, hai un cartel escrito a man que reza: «O porco Antón está solto. Ten preferencia». Na praza do pobo hai unha escultura -a única da vila- que representa, como non podía ser doutro xeito, a un porco. A sorpresa dos turistas máis incautos debe ser total cando atopan ao porco Antón, en carne e óso, camiñando libremente pola rúa.

Dende hai uns centos de anos, os veciños desta vila mariñeira manteñen unha curiosa tradición que ten coma protagonista o mamífero aludido. Cada ano, alguén doa un porco que logo se sortea para financiar as festas patronais. O característico da tradición de Espasante é que o engorde do porco tamén se fai de forma comunal. «O animal deambula pola vila e danlle de comer nas casas ata o día de Reis, no que se sortea», relata Ana Otero.

Este ano, Ana faise cargo, xunto coa súa irmá Claudia, e Luís, un amigo, da xestión da comisión de festas. Os tres levan desde comezos de xullo coidando do porco Antón, que este ano chegou á vila sendo especialmente pequeno. «Tiña apenas dous meses, e soen vir con seis», explica. Por esa razón, ata finais do mes pasado Antón non puido saír a explorar as rúas de Espasante.

«Sacámolo todos os días sobre as doce do mediodía», explica Ana. Neste paseos, o animal non vai atado, senón que acompaña aos seus coidadores. «Encántalle os gusanitos, polo que levo sempre unha bolsa encima», relata Ana. «Se os escoita xa me segue», engade. Un dos destinos preferidos do porco Antón nas súas saídas é o mar. «Encántalle bañarse, así que soemos levalo á praia para que se refresque», conta a súa coidadora, que acostuma botarlle crema solar para evitar que lle saian queimaduras.

Perfil en Facebook

Aínda que algunhas fontes datan esta tradición espasantina no século XVIII, o certo é que Antón adáptase ben ás plataformas dixitais contemporáneas. Dende o ano pasado, o porco conta cun perfil en Facebook no que os seus coidadores van relatando episodios dos últimos meses. «Logo do éxito que tivo na edición anterior os veciños pedíronnos que o continuásemos», explica Ana. Non é única novidade que se herdará do ano pasado: dende xullo, ademais dos boletos, a comisión ten á venda bonecos e adhesivos do porco. Contan incluso con logotipo, deseñado por Mónica Fustes, unha veciña da vila.

Ana Otero, que xa foi parte da comisión de festas en 2009, non agocha o orgullo que lle dá continuar esta tradición de Espasante. «Ninguén no pobo quere que isto remate», explica. «A min faime especial ilusión levalo polas rúas, é coma un canciño», compara, aínda que recoñece que, algunhas veces, hai visitantes alleos á tradición que os miran estranados. «Ao principio pensan que é a nosa mascota», di, «pero logo cando llo explicamos sempre queren sacar unha foto con el», relata.

Separación

Apenas un mes despois da chegada do animal, Ana recoñece que xa está «moi encariñada» con Antón. «Non quero nin pensar en cando teñamos que separnos del», confesa. «A última vez pasei a toda a noite anterior chorando», lembra.