A alma celta do Festival de Ortigueira

Ana F. Cuba ORTIGUEIRA

ORTIGUEIRA

O ilustrador Cristian F. Caruncho, autor da imaxe promocional deste ano, deseñou unha orixinal colección de carteis con personaxes alusivos ás oito nacións celtas

23 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Este ano o Festival Internacional do Mundo Celta ten nove carteis. Cando o ilustrador Cristian F. Caruncho (Couzadoiro, 22 anos) recibiu o encargo do Concello de Ortigueira para deseñar a imaxe promocional desta edición, dedicada ás nacións celtas, el propúxolles crear oito carteis máis, alusivos a esas oito identidades. Son os personaxes que aparecen no cartel principal e que aquí gañan peso, cada un co seu instrumento e a súa bandeira, inspirados, en moitos casos, en músicos que pasaron polo festival.

As dúas bailarinas irlandesas representan «ás nenas da Dominic Graham School of Irish Dance, habituais do Mundo Celta»; o gaiteiro escocés ten moito de Ali Hutton, integrante da Treacherous Orchestra -«en 2014 deron un dos concertos que recordo con máis cariño na miña vida»-; a estética da pandeireteira asturiana é a do grupo de Ponteareas As Punkiereteiras -«coñecino no xenial FestiVal das Brétemas»-; e o personaxe galego «é unha homenaxe aos ghaiteiros da vella escola, os que mantiveron viva a tradición, e que aghora mira ilusionado o tocar nas novas xeracións», relata o autor.

Quedan a violinista da Illa de Man, que ten algo dunha profesora de debuxo do ilustrador; a representante bretoa, «unha rapaza nova que toca nunha banda tradicional»; a arpista de Gales e o bodhran de Cornualles. «Intentei mesturar estilos», explica Cristian. O resultado é unha orixinal colección, que moitos queren completar. «Quedei moi contento da reacción da xente, hai locais co cartel [principal] enmarcado e tamén hai quen o ten na súa casa». Na presentación no Teatro de Beneficencia compartiu escenario con Enrique Otero, que tamén é de Couzadoiro, director da película Crebinsky e autor do fantástico vídeo promocional do Mundo Celta deste ano.

O inverno foi de moito traballo para Cristian, que tamén participou no proxecto de creación dun videoclip para os madrileños Tremenda Jauría, un traballo conxunto co seu amigo Fuco (Ponteareas) e con Illa Bufarda, responsable da animación.