Dorotea: «Demo de cativo!»

Na última obra, o debuxante de cómic de Ortigueira Cristian F. Caruncho aborda o despoboamento do rural e as relacións entre xeracións


ORTIGUEIRA / LA VOZ

Dorotea, o último fanzine editado por Cristian F. Caruncho (Ortigueira, 21 anos), xurdiu dunha anécdota. «Unha veciña de Vidueiros [na parroquia de Couzadoiro, onde el reside] que vivía soa, porque lle morrera o home e tamén o irmán e os pais, tiña unha foto deles, e dicía que lle facía compaña. Pareceume triste, pero entrañable, e rescatei a historia», conta, sen destripar o relato gráfico que crea arredor de Dorotea. Trátase, en realidade, do traballo de fin de ciclo, ao remate dos estudos de ilustración na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso, na Coruña.

 

 

En tan só oito páxinas, Cristian pinta un retrato conmovedor e algo inquietante en torno ao despoboamento e o envellecemento do rural, e tamén das relacións entre a xeración dos avós e a dos netos. Para el supuxo un reto engadido, pois debuxouno coa man esquerda e coloreouno con acuarelas, unha técnica que nunca antes usara. Unha profesora suxeriulle que probara a empregar a esquerda uns minutos antes de poñerse a traballar, para romper «con tanto detalle». «Ao final gustoume o resultado e decidín facer o cómic enteiro así, obrígate a ir a formas máis redondeadas e máis simples, ao non ter pulso na man», explica.

«Intento beber de todo, igual da historia que che conta un vello que dunha película»

A ninguén se lle escapa o talento de Cristian, algo farto de que o etiqueten sempre como «el que hace cómics del rural». «Fago historias do que me dá a gaña», di, por se a alguén lle quedaba algunha dúbida; co afán de vivir da ilustración e sempre inspirado polas persoas. «Gústame levar unha libreta e apuntar historias e detalles para facer debuxos e apuntes. Intento beber de todo, igual do que che conta un vello que das películas que ves».

Debuxa desde cativo e leva autoeditado varios cómics, entre os que destacan O home que liberou a fraga (2011), primeiro premio no Certame de Cómic da Mariña e no Certame Benito Losada de Banda Deseñada na categoría absoluta; e O asubío das Fouces (2013), co que obtivo o máximo galardón do Benito Losada, igual que ocorrería ao ano seguinte con Por un saco de patacas. O voo da vacaloura (2015) valeulle o primeiro premio do Certame de Banda Deseñada Arcebispo Xelmírez; e con Adaptación ó medio (2016) gañou o Concurso Curuxa do Humor do Museo do Humor de Fene, na categoría Curuxa Nova.

En longo, «Grandarroiba»

No 2017 sacou Un ferrado de dignidade, unha protesta pola prohibición de plantar patacas. Na portada pintou as mans de súa avoa, «feitas a base de traballar toda a a vida». E este ano publicou Dorotea, ademais de figurar na antoloxía de novos autores do cómic galego Licor Café, da editorial Demo; e na obra de Yolanda Castaño O puño e a letra, ilustrando un dos corenta poemas que a compoñen. No caixón garda desde hai meses o seu primeiro cómic longo (60 páxinas), Grandarroiba, listo para a impresión. Mentres, traballa en dous encargos, un videoclip (el e un compañeiro ocúpanse dos debuxos) e un proxecto de cartelería.

Do seu paso pola escola Pablo Picasso aprendeu moito. «Foi unha experiencia moi boa, pola xente que coñecín, que fan grafiti, muralismo, fotografía... Gustaríame viaxar e despois asentarme aquí [na aldea de Vidueiros], porque estou cómodo e hoxe, con Internet, non supón ningún impedimento», comenta. Del fala a súa obra, e mesmo o texto e o debuxo que presiden a súa mesa de traballo: «Mexan por nós e temos que reconverter a auga».

Dos salóns de autoedición ás feiras e aos mercados semanais de Ortigueira

«Dorotea» está a venta na libraría Ramos (Ortigueira) e en Alita Cómics (A Coruña), a través do Facebook ou de cristianfcaruncho@gmail.com. A Cristian gústalle saír a vender os seus cómics a feiras e festivais (sobre todo o de Pardiñas), e tamén ao mercado de Ortigueira, con seu irmán, labrego. «Chegas a un público moi distinto ao dos salóns de autoedición de ‘fanzines’, e mesmo che compra unha rapaza de estética anarquista que unha velliña, que llo recomenda a outra, para ler ela ou para regalarllo ao neto».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

Dorotea: «Demo de cativo!»