«Estamos orgullosos de ser de aldea»

maría meizoso AS PONTES / LA VOZ

ORTIGUEIRA

ANGEL MANSO

José Antonio Cebreiro e Pepe Barro son dous dos máis de mil ponteses que se reúnen ao redor dunha plataforma que defende os intereses da zona rural

06 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Son de aldea e presumen de selo. «Dicímolo orgullosos, sempre se falou así, pero agora está de moda iso de ser da zona rural», explican ao unísono José Antonio Cebreiro -presidente da Asociación de Veciños de San Martiño de Gondré- e Pepe Barro -vicepresidente da Asociación Painceiras de Bermui e Ribadeume-. As súas son solo dúas das dez entidades veciñais de As Pontes que forman parte da Federación de Asociacións do Rural O Carabelo. «Comezamos con seis, pero a medida que foron aparecendo outras, foron integrándose» ata chegar á ducia que suman na actualidade. ¿Que desencadeou a súa creación? «Somos dos que pensan que a unión fai a forza. Ese foi o motivo polo que dimos os primeiros pasos», indican. Pero os seus obxectivos non pasan só por ese fin senón tamén por «fomentar a convivencia e organizar citas que nos permitan coñecernos. Ao final, o que máis lle gusta a xente son as viaxes e as comelladas», recoñece Barro que, ao igual que Cebreiro, vai camiño das dúas décadas ligado ao movemento asociativo pontés. Unha vinculación que parece seguirá durante moito tempo porque, destaca, «aquí non hai relevo xeracional. Non é como na política, aquí dedícase tempo, pero non da ni un peso».

Desde O Carabelo traballan «para que os problemas do rural non se esquezan». De feito, desde a propia plataforma loitaron para introducir melloras en proxectos viarios que afectaban tanto ás parroquias máis próximas ao límite con Ortigueira como a outras como Ribadeume ou Goente. De igual modo, teñen presentado reclamacións polos ataques dos lobos ou xabarís. Pero sobre todo subliñan a importancia, tanto da federación como das asociacións, para impulsar a rehabilitación dos locais socias. «No caso de Gondré estou seguro de que de non haber a asociación agora non teríamos o local social que temos, a antiga escola. Conservar estas infraestruturas é moi importante para nós porque son un referente para cada parroquia. Ao marxe diso tamén traballamos para mellorar a calidade de vida dos veciños», explica Cebreiro. Retos cumpridos nos últimos anos que pasaron pola mellora das estradas, sistemas de traída, repetidores de televisión ou antenas de telefonía, entre outros.

 

Futuro

Aínda que con diferenzas evidentes entre unhas parroquias e outras, ambos representantes veciñais coinciden en falar dun futuro incerto para o rural pontés. «Hai lugares onde se nota a chegada de xente nova. Non viven do campo, pero manteñen o entorno». A outra cara da moeda dáse en zonas como O Deveso na que residen «tres ou catro persoas», explica Cebreiro. Ante isto a preocupación pasa polo despoboamento e tamén pola chegada do grande capital porque «xa estamos notando como hai empresarios comprando monte para plantar, tememos que o futuro sexa así mentres que o que debería darse e que os mozos poidan ter unha saída aquí, que non cobren unha miseria», sinala Barro. ¿Que lle falta ao rural pontés? «Nada», aseguran. De feito, engaden, «agora vívese moi ben, moito mellor que antes. Estamos igual que os do centro do pobo». Presumen das súas parroquias e loitan para que nelas se manteñan unha vida social que dista moito do que acontecía décadas atrás. No capítulo de peticións téñeno máis que claro. «Queremos que coiden do que temos», di Cebreiro. «E que nos deixen construír e para iso temos que participar no PXOM», engade Barro. ¿Por qué é tan importante para as aldeas? «Porque se non deixan edificar, ao final o rural acabará caendo».

Parroquias reunidas. A Federación O Carabelo, que naceu a finais do ano 2002, está formada, na actualidade, pola Asociación de Veciños Painceiras, Asociación de San Martiño de Gondré, Asociación O Freixo do Freixo, Asunción de O Deveso, Asociación Virxe do Rosario da Faeira, Asociación Virxe do Pino de Saa, As Fervenzas de Somede, O Adro de Espiñaredo, Santa María do Aparral e a Asociación de Veciños Raíces de Goente.