
«Dependemos de que a Xunta se faga cargo da residencia e do centro de día, nós non o podemos afrontar»
27 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.María Isabel Lorenzo Serantes (Loiba-Ortigueira, 1965) acaba de tomar o relevo do madrileño Fernando Nieto Cortijo, fundador e presidente da Asociación Pro-Minusválidos de Ortegal (Aspromor) durante tres décadas. Antonio, o irmán desta floricultura, cunha enfermidade psiquiátrica, leva moitos anos no centro. «Levámolo cando aínda estaba no hospitaliño vello, ante a necesidade de que saíra da casa e tivera algún tipo de actividade, e integrouse moi ben», asegura. De aí o compromiso adquirido por esta muller loitadora, «unha obriga moral», nun momento decisivo para a organización.
-Non parece doado tomar o relevo de Fernando Nieto, unha persoa moi carismática, despois de 30 anos de presidencia.
-É difícil porque estamos nun sitio apartado, pero alguén tiña que ser. Fernando é un adestrador de primeira división e eu, de terceira rexional. Sei xestionar a miña casa e o meu negocio. Non se presentou ninguén máis, a xente escapa disto coma do lume. Aspromor está fortemente vinculada ás subvencións públicas porque non ten capacidade para autofinanciarse.
-¿Cal é o seu maior reto agora?
-Resistir... Aspromor depende totalmente da administración, a mesma que che pon atrancos e quere liquidar os servizos sociais. Estas asociacións pequenas van ser as primeiras en caer. Se existe Aspromor é porque hai unha necesidade e un equipo de traballadores que fan un traballo encomiable, dende a directora á nova xerente. Temos un equipo de primeira, con Cristianos Ronaldos e Messis. Pero dependemos de que a Xunta se faga cargo da residencia e o centro de día (só falta completar o equipamento e xa está aprobada a axuda da Deputación), iso supón máis persoal e Aspromor non o podería afrontar, porque non pode seguir incrementando a débeda.
-¿Que pasos vai dar?
-O primeiro é ir á Xunta, xa se fixeron entrevistas con usuarios de aquí que queren ir á residencia e terían que vir os que están fóra. Hai familias interesadas en traer aos seus, que agora están en centros doutras cidades. O ideal é que unha persoa con discapacidade viva onde naceu, cerca dos seus... E (os políticos) que tanto falan de potenciar e coidar o medio rural, non fan máis que desmantelalo, é unha contradición.
-¿Confía en que a Xunta se faga cargo da residencia?
-Certeza non teño ningunha. Podemos ser optimistas e pelexar, pero a realidade é a que hai. Se de verdade queren apostar polo rural, que non poñan atrancos.
-¿Sinte moita responsabilidade?
-A responsabilidade é grande, pero non teño medo ao fracaso, e se caemos será facendo ruído, sería inxusto. Nese caso cada un tería o seu grao de responsabilidade; os políticos, a máis grande.