«Non serei millonario, pero toco a gaita no mellor banco do mundo»

Ana F. Cuba ORTIGUEIRA

ORTIGUEIRA

ANGEL MANSO

Este eumés deixou o traballo de oficina, «un burato escuro», para vivir da música tocando ao aire libre, con vistas ao mar

09 may 2016 . Actualizado a las 07:44 h.

De tanto tocar a frauta na casa, seus pais mandárono a clases de gaita. Fran Fuentes, eumés de 1972, aprendeu a tocar a gaita con Lolete García, «un profesor que xa morreu, na agrupación Orballo». A vocación de gaiteiro deste frautista (de traveseira) acabou impoñéndose ao técnico en electrónica industrial, que deixou a oficina, «un burato escuro», hai xa uns dez anos, para vivir da música tocando ao aire libre, a poder ser con vistas ao mar. O gaiteiro do banco de Loiba, o seu último destino, desde hai arredor dun ano, presume de punteiro, obra de Miranda. «Conseguín que mo fixera a medida, de madeira de lignum vitae [guaiacán real], dunha travesa de tren da República Dominicana», relata. Achou aquel tesouro en Astano, onde se empregaba «para os eixos de cola dos submarinos nucleares, pola alta densidade e a resistencia aos cambios de temperatura», explica.

O punteiro da gaita de Fran é único -«desa madeira haberá cinco ou seis»- ule a rosas e ten «un timbre especial». A gaita saíu das mans de Antón Varela. «É unha das dez ou quince que fixo (...). Seguirei fiel a ela ata que morra». Faltáballe tempo para ensaiar e decidiu rachar co traballo a quendas e fins de semana para botarse á rúa, emulando a outros músicos nómades que se moven por Europa. Unha decisión valente! «Para café vou tendo, grazas tamén á axuda de Luz [a súa compañeira]», sorrí. A vida itinerante arrincou en Compostela, tocando a gaita e facendo ocarinas de barro co artesán Paparolo. Logo cambiou os asubíos pola Torre de Hércules e por un tempo, cando foi declarada Patrimonio da Humanidade, formou parte da tribo dos gaiteiros da Torre, algún case centenario, «coma o señor Mato; Liñares e Marcelino, que fan palletas; Pepe Temprano, que sae no anuncio do Gadis; ou Barral, o asturiano, que toca por toda España».

A praia das Catedrais foi a seguinte parada deste músico de rúa. «Sempre busquei sitios apartados, porque a gaita ten moita potencia sonora; sitios tranquilos e abertos, onde poidas tocar ao aire libre, ver as ondiñas do mar, un barquiño pasando, cousas que te inspiren para poder crear», comenta. No areal ribadense botou catro anos. «Tocaba no atrio, sempre en marea baixa, descalzo, en contacto co medio, ou nalgunha cova buscando a acústica». Pero cando se prohibiron «artefactos sonoros e megáfonos» marchou, resignado. «Dixen, pois vou para outro sitio, se teño que pedir permiso para tocar a gaita en Galicia...!». A costa ofrece magníficos auditorios naturais e el aprovéitaos, case sempre no solpor: o faro de Punta Roncadoira (Xove), o cabo Ortegal, Vixía Herbeira, o bosque pétreo de San Andrés de Teixido. De cantil en cantil, rematou en Loiba: «Non serei millonario, pero toco a gaita no mellor banco do mundo». Os viaxeiros melómanos ofrécenlle a vontade: «A xente é moi xenerosa, porque cos tempos que estamos pasando de crise, permíteche subsistir». Que mellor escenario! «As vistas e as praias son impresionantes, a xente é majísima, síntome moi ben acollido polos veciños de Loiba e de Ortigueira. É un honor ir pola rúa e que che chamen ‘gaiteiro’». Toca cando se presta o tempo -«sen ventos excesivos, que non son beneficiosos para o instrumento, nin auga, que non lle convén ao instrumentista»-, desde Semana Santa ata outubro, e atende consultas sobre gastronomía, xeografía, ocio ou o que cadre. Di que o público galego «é máis exquisito, porque se algo coñece é a gaita», e máis dunha vez chegan gaiteiros -como Eduardo Baamonde, de Xorima, ou Víctor Romero- e acaban interpretando xuntos «un par de muiñeiras, unha xota ou o que xurda». Ás veces atopa «músicos profesionais de sinfónicas» e sorpréndelles o son, «sen amplificación, sen nada eléctrico».

As pezas propias compárteas e pensa «dedicarlle unha muiñeira a Rafael Prieto [o ideólogo do banco de Loiba]». Este, «en certo modo, embaixador de Galicia [polo banco pasa xente de medio mundo]», defende a «diversidade e a riqueza cultural» e a harmonía coa natureza (báñase no mar en pleno inverno); e mantén que a vida «hai que aproveitala, porque caduca». A felicidade, sostén, chámase tocar «pola mañanciña» no banco e logo degustar unha empanada de Picos (O Barqueiro) mirando ao mar. E se se terza, «armar unha foliada».