Un banco con vistas

Roberto Taboada

ORTIGUEIRA

ÁNGEL MANSO

O trío The Funamviolistas desenvolveu con humor e virtuosismo o seu repertorio no teatro Jofre

04 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En Loiba (Ortigueira) din que está o mellor banco do mundo, non pola súa feitura, senón polas súas vistas: os acantilados, a entrada da ría e os cabos de Ortegal e Estaca de Bares en cada un dos extremos. Unha postal de abrupta beleza, que obriga a facer cola para sentarse.

Na parroquia de Cedeira (Redondela), o ano pasado apareceu -e coa mesma, desapareceu hai uns días- un pequeno banco, que poñía a ponte de Rande aos pés, a illa de San Simón á dereita; Vigo, o Morrazo e as Illas Cíes á esquerda. Imaxe de extraordinaria beleza, cunha ben visible intervención humana.

Un banco e un farol foi toda a escenografía que houbo no escenario do Teatro Jofre o pasado sábado para acoller a The Funamviolistas, un trío musical composto por: Ana Hernández ao violín, licenciada no Conservatorio Superior de Sevilla e graduada en música antiga e violín barroco no de Madrid, intérprete en orquestras como a Joven Nacional de España ou de Extremadura; Mayte Olmedilla á viola, fixo os seus estudios superiores de música en Sevilla e posgraduados en Salzburgo e Viena, xirou coa formación francesa Orchestre des Jeunes de la Mediterranée, participou en concertos de Estrella Morente, Ainhoa Arteta ou Franco Batiatto e aínda lle quedou tempo para facer Filosofía e Arte dramática en Madrid e Lila Horovitz ao contrabaixo, compositora arxentina, especializada en música popular e tango, actuou nos principais festivais do xénero; as súas composicións foron interpretadas por Gary Karr ou Irena Olkiewicz e ten editado un traballo discográfico.

Esta escolma curricular dá a medida da solvencia das intérpretes e produtoras do espectáculo -que arrancou grazas a un crowdfunding con 113 mecenas-, pero hai que engadir a colaboración necesaria na dirección de Rafael Ruíz, director da RESAD de Madrid e a mestría na distribución de Elena Carrascal.

A peza está vertebrada nunha historia ao xeito aristotélico (presentación, nó e desenlace); tres mulleres son despedidas (algo moi actual) e atópanse nun banco, alí quedan e comezan un relato en común con todas as súas diferenzas e complicidades, o final é feliz.

Unha trama ben sinxela; estruturada coma un concerto, cun repertorio moi accesible e recoñecible (Vivaldi, Bizet, Piazzola, Pavone e bandas sonoras) e desenvolvida con virtuosismo, na música, no canto e no xesto -sen necesidade de diálogos- e con moito humor. Unha fórmula de achegar a música dun xeito sólido e lúdico, dista moito da interpretación dos clásicos con cabriolas e saltos da rá. Os conflitos, as inquedanzas e os bos momentos fíanse cun oportuno tema musical arranxado para a ocasión. Destacar unha chiscádela á televisión no que o «zapeo» ilústrase coa alternancia de sintonías de programas históricos e unha sincopada carreira de motos ou un paso de danza en «puntas» ao ritmo do delicioso tema central da película «Desexando Amar».

Dende o escenario as artistas viron un público -plural en idades e condición- satisfeito que aplaudiu con ganas. Se isto é o que se atopan ao remate de cada función está claro que elas están sentadas no banco coas mellores vistas do mundo.