«Hai parroquias de Ortigueira nas que levo dez anos sen ter bautizos»

ANA F. CUBA ORTIGUEIRA / LA VOZ

ORTIGUEIRA

«Don Rafael», como lle chaman os veciños, na igrexa de Cuíña, onde tivo lugar a homenaxe.
«Don Rafael», como lle chaman os veciños, na igrexa de Cuíña, onde tivo lugar a homenaxe. ángel manso

Máis de 300 veciños xuntáronse onte para tributarlle unha homenaxe a Rafael Lombardero García, párroco desde hai medio século

22 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

En xuño cumpríronse 50 anos desde que Rafael Lombardero García (Vilameá-A Pontenova, 1942) foi ordenado sacerdote, nas Pontes. «Con oito anos trouxéronme ás Somozas porque había un mestre moi bo, Víctor Leiras Luaces, e estiven alí con meu tío cura Jesús dous anos, antes de ir ao seminario. Parte da miña vocación vén de aí. Despois botei dous anos en Lourenzá e dez en Mondoñedo», repasa. Logo de tres anos como coadxutor en Guitiriz, San Julián (Ferrol) e San Claudio (Ortigueira), retornou á cidade de Cunqueiro, onde botou 15 anos de secretario do bispo Miguel Ángel Araújo Iglesias. E desde hai tres décadas vive na casa rectoral da parroquia de Senra, onde residía outro tío cura desde fillo de carpinteiro, con Amalia, a ama, mindoniense.

-Atende nove parroquias.

-Si, San Claudio, Senra, Cuíña, Freires, O Ermo, As Neves, San Salvador e San Cristovo de Couzadoiro, e Devesos. Cando vin era párroco de Cuíña e encargado do Ermo, e axudáballe a meu tío en Senra. Foi pasando o tempo... Nunha época estivemos dous curas levando 12 parroquias e desde hai nove anos teño nove eu só.

-¿Esta situación vén dada pola falta de vocacións?

-Ese é un problema. Moitos dos curas que estamos no rural somos curas en paro, porque só tes traballo o sábado e o domingo (aniversarios e misas dominicais), e cousas puntuais coma un enterro. Hai que intentar facer unidades pastorais, coller unha zona e ver as necesidades que ten para aproveitar o persoal.