Dani Ríos, artista de Neda: «Eu son así porque nacín á beira de San Nicolás, onde morre o río Belelle»

NEDA

O cantante e «showman» Dani Ríos, fotografado na súa Neda natal, á que está fondamente unido
O cantante e «showman» Dani Ríos, fotografado na súa Neda natal, á que está fondamente unido JOSE PARDO

Reivindica a memoria da súa infancia como un «espazo de liberdade»

18 may 2021 . Actualizado a las 17:06 h.

Dani Ríos (Neda, 41 anos) di que el non se ve a si mesmo como artista, que se considera un simple «intérprete» que lle presta a súa voz tanto ás cancións que interpreta sobre os escenarios como aos versos dos seus poetas preferidos, que tanto lle gusta recitar. Pero a verdade é que el é, esencialmente, un artista. Un creador de inconfundible estilo que lle pon o seu selo persoal a todo canto fai. Agora, e de cara ao mes de setembro, prepara a estrea dun musical que é froito dun proxecto que el aloumiñaba desde hai máis dunha década, e ao que finalmente lle deu forma durante o confinamento. Home de fortes conviccións, pero de afabilidadade infinita, á súa faceta de creador une unha quizais menos coñecida: a de creedor, no sentido que Cunqueiro lle daba ao termo. Di que San Nicolás de Neda vai con el sempre.

-Xa sabe aquilo de «Ferrol me fecit», que dicía don Gonzalo Torrente Ballester. A vostede, con Neda, pásalle un pouco o mesmo...

-Exactamente o mesmo. Eu son así, como son, porque nacín á beira de San Nicolás, onde morre o río Belelle. Todo canto aprendín entre a xente que me viu medrar é o meu maior patrimonio como ser humano.

-¿E como sería vostede se nacese noutro lugar?

-Non o sei, pero do que estou seguro é de que se non nacese en Neda, senón noutro sitio calquera, non sería a mesma persoa, e sería alguén diferente. Iso téñoo clarísimo.

-¿Por que?

-Pois porque aquí tiven unha infancia absolutamente marabillosa, irrepetible, na que adquirín os valores que penso que me definen como persoa, como ser humano. O que aprendín na miña casa, e con todas as familias veciñas nosas en San Nicolás de Neda, foi que nada é máis importante que intentar ser unha boa persoa. O demais importa bastante menos.

-¡Que presente está a infancia, sempre, nas raíces da creación...!

-Moi presente. ¡Moitísimo...! Nós vivimos unha infancia da que podo dicir, en voz ben alta, que foi un espazo de liberdade. Todos os recordos que teño da miña nenez son estupendos. A miña familia tiña unha tenda na que paraba todo o mundo, tanto a xente de Neda coma os que viñan ata aquí os Luns de San Nicolás. Nela se vendían, por exemplo, as velas que se lle levaban ao santo. Así que todos os que ían ver a San Nicolás me coñecían desde que eu era moi pequeniño. Por iso digo tantas veces que eu teño, en realidade, dúas familias: a miña propia e a de San Nicolás.

-Ten vostede moita fe no santo.

-Moitísima. Sempre a tiven. Desde que era ben pequeno. A igrexa de San Nicolás de Neda tamén foi unha casa para min. Outra máis. As crenzas son cousa de cada un, por suposto. Pero a min San Nicolás axudoume sempre que llo pedín.

-¿E pediullo moitas veces?

-Pedinlle axuda unhas cantas veces, si. Nalgunhas ocasións, en circunstancias moi graves. E axudoume. ¡Teño probas...! San Nicolasiño é moi avogoso.

«Nas situacións difíciles tamén temos que saber atopar novas oportunidades»

Afirma Dani Ríos que nas situacións máis complexas tamén é preciso «saber atopar novas oportunidades». E iso é o que el procura facer sempre.

-¿Como levou o confinamento?

-Pois mira, non vou dicir que o confinamento me viñese ben, porque dicir tal cousa sería unha barbaridade. Ademais, non debemos esquecer nin por un instante toda a dor que trouxo consigo a pandemia. Pero, desde o punto de vista creativo, o confinamento foi un tempo moi produtivo para min, porque puiden poñerme a traballar por fin no proxecto do meu musical, do que estrearei en setembro. Un musical no que hai ficción dentro da propia ficción, porque fala dun creador... e do que el crea.

-Véselle moi ilusionado con ese proxecto.

-É que creo que á xente lle vai gustar moitísimo, porque se vai atopar cunha obra na que a música que forma parte da vida de todos toma novos camiños para achegarse así, aínda máis, ao que levamos visto e vivido.

-¿Que lugar ocupa o humor no seu mundo?

-Un lugar esencial. Como ocupa un lugar esencial, tamén, a alegría. Gústame ver a vida desde unha perspectiva positiva De feito, paréceme moi necesario tratar de camiñar con alegría pola existencia. E agora, se cadra, aínda máis.

-Cando se mira no espello, ¿que ve?

-Pois non o sei, porque é que eu, en realidade, non sabería dicir quen son. Síntome a contradición en estado puro. E a verdade é que ao longo da miña vida fun cambiando moitísimo. Con todo, hai cousas que penso que non cambiaron en min. Por exemplo, a importancia que lle dou ao afecto. Ou o meu desexo de escoitar. Todo o mundo ten algo que dicir, e a min encántame escoitar. En especial á xente maior.