«Estou afeita a tocar con xente maior ca min»

Con tan só 14 anos, a gaiteira naronesa María López é a gañadora máis nova na historia do trofeo MacCrimmon, un dos máis prestixiosos de todo o mundo

C.L.
Ferrol / La Voz

Cando María López (Narón, 2004) comezou a tocar a gaita tiña oito anos. Hoxe, con tan só 14, xa pode presumir de ter compartido escenario con lendas do folk galego, como Carlos Núñez ou Susana Seivane. Esta naronesa, agora residente en Neda, vén de confirmar o seu talento tras facerse co prestixioso trofeo MacGrimmon, coñecido como «o Premio Nobel da gaita», que se disputou esta semana no marco do Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña Francesa. Non só foi a concursante de menor idade da súa convocatoria, é tamén a persoa máis nova en gañar este galardón en toda a súa historia. Ela, ante este éxito, destila unha humildade que non lle impide reivindicar, o seu esforzo.

-Como te sentiche ao de gañar o premio?

-Púxenme moi contenta.

-Estabas competindo con persoas moito maiores ca ti. Estás acostumada a facelo?

-Si, non é algo que me importe moito. Nos concursos sempre estou con xente máis maior ca min.

-Tamén nos concertos. En 2012 compartiche escenario con Carlos Núñez.

-Si, tiña oito anos. A verdade é que me fixo moita ilusión.

-Nunca te pos nerviosa nos concertos?

-Unha vez estou tocando non, pero antes de saír un pouco.

-Foi idea túa ou dos teus pais comezar na música folk?

-Si que foi. Eles leváronme a moitos concertos, e a min encantábanme. De feito, o primeiro que empecei a tocar foi a zanfona, logo de ir a un concerto, cando tiña oito anos.

-Tiñas algún coñecemento musical antes de iniciarte nela?

-Dende os seis anos fun ás clases de música infantil de Daniel Bellón, que tamén é o meu profesor de gaita dende 2013.

-Ademais tocache con el en directo.

-Varias veces. Coñecémonos dende fai moito, así que é moi divertido.

-Tiñas oito anos cando comezache coa gaita. Alguna vez tiveche problemas para encher o fol de aire ou chegarlle a os furados?

-Cos dedos nunca me costou, pero ao principio doíame o brazo de tanto apretar o fol. Agora xa o domino máis.

-Cantas horas practicas ó día?

-Buf, moitas. Cada semana fago oito horas no conservatorio, ademais das clases de gaita e de zanfona, ás que vou cada certo tempo. Logo, pola miña conta, xa depende da tempada.

-Preparáchete especialmente para o Festival Intercéltico, por exemplo?

-Si, bastante. Por iso ultimamente adiqueime máis á gaita que á zanfona.

-Cal prefires?

-Agora mesmo a gaita porque veño de gañar (risas). Pero penso que toco os dous instrumentos ó mesmo nivel.

-Na casa, que musica escoitas?

-Ata fai uns anos só escoitaba folk. Agora doulle ó pop tamén. Gústanme Sam Smith, Shawn Mendes -sobre todo o segundo disco-, Ed Sheeran... e tamén Aitana e Carlos Right, de Operación Triunfo.

-Viche Operación Triunfo?

-Non, pero escoito algúns artistas que saíron de alí. As miñas amigas si que o viron.

-Gústalles a mesma música que a ti?

-Non, a verdade. A elas vailles o reguetón e o trap e eu iso non o podo escoitar (risas).

-Pensache algunha vez en aprender outro instrumento?

-Xa toco o piano no conservatorio. Gustaríame aprender a tocar o violonchello, pero iso para cando sexa maior.

-Queres tentar vivir da música?

-Polo de agora non o sei. É algo que teño que pensar aínda, xa decidirei máis adiante.

-Moi pouca xente chega a ter un recoñecemento que ti xa acadache. Algunha vez o pensas?

-Síntome moi afortunada, pero non me creo a mellor nin nada polo estilo.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Estou afeita a tocar con xente maior ca min»