«Este ano vai haber demanda de pozos, case non choveu»

A. C. VALDOVIÑO / LA VOZ

NEDA

CESAR TOIMIL

Manuel Bouza Beceiro leva corenta anos de poceiro

26 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A experiencia acumulada logo de máis de corenta anos de oficio converten a Manuel Bouza Beceiro (Valdoviño, 1949) nun bo coñecedor da meteoroloxía e dos seus efectos. «Este ano penso que vai haber traballo, que imos ter demanda de pozos, porque non choveu moito e está bastante seco», pronostica este poceiro, fundador da empresa Sondeos Bouza.

-Como vai o traballo? Hai dous anos subliñaba a dificultade para atopar auga, que había que afondar moito máis ca antes.

-Iso segue igual. Aínda onte (o luns) fun facer un pozo e tiven que darlle noventa metros de fondo, cando antes tiñas abondo con trinta ou corenta. Pero agora non hai auga a esa profundidade. Este foi no Sartego, por riba de Neda. Depende dos sitios, claro, pero a tendencia vén sendo esa.

-Mantense a demanda?

-Imos tirando, este ano aínda se foi traballando, un aquí e outro alí, pero non é coma ao principio, que a xente tiña que esperar. Agora hai máis competencia. Pero xa teño algúns encargados para agosto, en Naraío teño que facer dous ou tres pozos.

-Para vivendas particulares ou para explotacións agrogandeiras?

-Hai de todo, pero a maioría son para xente particular, para as casas e tamén nalgún caso para as granxas. A xente vai cansada das traídas antigas, as que compartían cinco ou seis veciños, porque avarían e despois ningún se fai cargo de reparalas, e acaban optando por facer o seu pozo.

-Parece que neste sector sempre vai haber traballo...

-Isto nunca acaba, uns anos tes máis e outros menos, depende moito do tempo. Agora concéntrase máis no verán e antes, cando empecei, daba igual verán ou inverno, sempre había que facer.