«O consumismo do noso tempo fai que sexamos persoas cada vez máis egoístas»

R. L. NEDA / LA VOZ

NEDA

Como cristián, afirma que o máis lle preocupa é a perda de valores

01 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ramón Antonio López Rodríguez di que, como cristián, o que máis lle preocupa é «a perda de valores que está a vivir Europa». Unha perda de valores que se reflicte, na súa opinión, en dramas como a falta solidariedade cos inmigrantes.

-¿Somos menos solidarios que antes?

-¿Cando era antes...? En xeral, si. Hai moitos movementos solidarios e organizacións de axuda, pero a xente en xeral cada vez se preocupa menos por quen ten ao seu lado. E o consumismo do noso tempo aínda fai que sexamos persoas cada vez máis egoístas, xa non queremos compartir. E hai cousas que se teñen que aprender dentro da familia, que é onde reside boa parte da educación. Por exemplo, a importancia de saber mirar ao próximo e de poñernos no lugar dos demais.

-Vostede está á fronte de parroquias que posúen, nalgún caso, un patrimonio artístico de extraordinario valor. En Santa María de Neda está, sen ir máis lonxe, o excepcional Cristo da Cadea, unha das grandes obras da arte relixiosa inglesa, traída a Galicia cando a iconoclastia de Enrique VIII. ¿Como se preserva ese patrimonio?

-As Administracións públicas axudan a soster o patrimonio. Iso hai que recoñecelo. Pero tampouco se pode esquecer o labor que facemos os parroquianos e os sacerdotes. Nas parroquias, coidar o patrimonio é un empeño de todos. E é a maneira de que ese patrimonio perviva para as xeracións futuras. No caso de Neda, temos auténticas marabillas; San Nicolás, o santuario de Nosa Señora dos Remedios...

-Noutra orde de cousas, vostede leva a cabo tamén un labor moi intenso en Cáritas.

-O labor de Cáritas segue sendo tan necesario coma sempre, ou máis. A Igrexa ten que estar do lado dos que sofren.