«A axuda vén moi ben cando acabas de ter un neno, porque ao primeiro hai moitos gastos»

A. F. C. NEDA / LA VOZ

NEDA

Estela, nedense de 37 anos, e Javier, ferrolán de 36, son os pais de Brais, de cinco semanas, e viven en Neda

17 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Breixo Albaladejo Sande naceu o 4 de maio e vive en Neda con seus pais, Estela, nedense de 37 anos, e Javier, ferrolán de 36. O Concello recibiuno cun agasallo, 300 euros. «Son benvidos. A axuda vén moi ben cando acabas de ter un neno, porque ao primeiro hai moitos gastos, en cueiros, roupa, artigos para o baño...», comenta a nai. Non ten tan claro se este tipo de incentivos serven para o fomento da natalidade, pero valóraos.

-O Concello de Neda emprendeu unha campaña para tratar de gañar poboación. ¿É un bo sitio para vivir con nenos?

-Si, porque ten moitos espazos verdes, o paseo marítimo e parques con xogos para os nenos por todo o pobo. E as áreas recreativas da Ponte da Cobeluda, ao pé do colexio Maciñeira... É un entorno agradable para os nenos.

-En canto aos servizos...

-Hai nada inauguraron a escola infantil e ese é un servizo para todos os veciños, moi importante, é un paso moi grande, algo do que ata agora carecía o Concello. É a maneira de axudar á conciliación da vida familiar e laboral. Tamén destacaría que hai dous colexios e nun deles puxeron servizo de comedor, algo moi positivo para un futuro non moi distante (ri, en alusión ao día no que Breixo comece a escola). É no colexio Maciñeira, que ademais ten moito espazo arredor para xogar e para facer deporte. E no centro de saúde temos un grupiño de nais e pais que imos ás clases de masaxe para bebés que dá a matrona, os mércores.

-As comunicacións tamén melloraron moito nestes anos.

-Si, eu traballo en Laraxe (Cabanas) e o meu home, en Ferrol. Coa autopista, Neda está moi ben comunicada, estou nuns dez minutos no traballo e antes seguro que se tardaba moito máis.

-¿Que carencias ve, que necesidades hai no municipio?

-Antes non me daba conta, pero agora, ao ir co carriño vexo que hai beirarrúas con moitas deficiencias, estreitas, con elevacións e baixadas... Hai camiños moi estreitos e iso fai que as beirarrúas tamén o sexan en certos sitios. Cando vas camiñando non es consciente, pero co carriño si.

-¿E que tal se porta Breixo?

-As primeiras semanas custounos, a el e a nós; agora só chora para comer, non o perdoa (ri).