A Xunta asegura que iniciou dilixencia contra a Sareb polo retraso na entrega dunha vivenda en Narón

R. C. NARÓN / LA VOZ

NARÓN

De izquierda a derecha, Mon Fernández, Geno Carballeira, la afectada, y Beatriz Mosquera.
De izquierda a derecha, Mon Fernández, Geno Carballeira, la afectada, y Beatriz Mosquera.

O BNG denunciou a semana pasada a situación dunha veciña que leva máis dun ano co piso adxudicado

22 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xunta respondeu onte á reclamación do BNG de Narón para que se entregase a Vivenda de Protección Oficial (VPO) adxudicada fai máis dun ano a unha veciña. «A día de hoxe aínda non lla amosaron nin lle deron unha data para a entrega de chaves», denunciaban o pasado día 13 o candidato á alcaldía Geno Carballeira, a concelleira Beatriz Mosquera e o deputado autonómico Mon Fernández. Neste sentido, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) sinalou que se trata de propiedades da Sareb e que xa se iniciaron dilixencias que poderían acabar en sancións.

Nun comunicado, explican que as 25 vivendas ás que fai alusión a denuncia pública do BNG son de promoción privada e, por lei, teñen que ser adxudicadas a través do Rexistro de demandante de vivenda de Galicia. En abril de 2024 a sociedade que representaba a Sareb solicitou o inicio do procedemento de adxudicación. «Hai que salientar que Sareb delega nunha empresa minorista (Hipoges Iberia) a comercialización destas vivendas e Hipoges delega nunha empresa de xestión os trámites (Comerialización y Gestión S.L.) todas situadas en Madrid», matiza o escrito da Xunta.

Explican que despois dos trámites establecidos, as vivendas foron adxudicadas por sorteo ante notario o 14 de febreiro do 2025, seleccionándose 25 adxudicatarios e 15 reservas, que se comunicaron á sociedade. Un ano despois, en febreiro do 2026, esta sociedade comunicou que 18 adxudicatarios formalizaron o contrato de compravenda e solicitou o listado de reservistas.

Sen embargo, o pasado 2 de xuño o representante da sociedade comunicou que as vivendas están bloqueadas para o seu traspaso ao «parque público social» e que non poden realizar xestións de venda sen autorización previa da propiedade. O IGVS solicitou á Sareb e ás dúas empresas representantes que acheguen a documentación e alegacións oportunas. Unha vez estudadas, podería iniciar un procedemento sancionador se comproba o incumprimento do procedemento previsto na normativa.

Atención á veciña afectada

Outra das denuncias que facía a afectada era que, pese a levar meses denunciando o caso, non obtivera resposta da Xunta. O IGVS respondeu que o pasado decembro, tras recibir un escrito —non especifica se é da mesma veciña—, informou a esa persoa dos trámites en marcha e do acordo de inicio de dilixencias previas aberto con motivo da reclamación presentada.