Quique Peón: «A ría de Ferrol é moi bailarina e cantareira»

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida NARÓN / LA VOZ

NARÓN

Quique Peón, director artístico de Alxibeira e impulsor desta «Congostra».
Quique Peón, director artístico de Alxibeira e impulsor desta «Congostra». PACO RODRÍGUEZ

É o director artístico de Alxibeira, que presenta hoxe o seu maior espectáculo en Narón con cantos desta terra

11 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Cantos nas tabernas, danzas nas colleitas, pura vida polas ondas da ría de Ferrol. Na rica tradición musical da comarca mergullouse o grupo Alxibeira (nacido no Padroado de Cultura de Narón, en 1986). E rescatou pezas únicas para un gran espectáculo de baile e música, que se estrea hoxe no Pazo da Culura (21.00 horas) co nome de Congostra. Quique Peón, o director artístico de Alxibeira, amosábase entusiasmado na véspera da presentación nese parnaso chamado Narón.

—Por que elixiu o nome de «Congostra»?

—Así se chaman as corredoiras antigas, uns camiños que afondan nos terreos onde polo devir dos tempos pasaron centos de persoas, animais, carros... Trátase dunha metáfora que serve para poñer nome ao espectáculo, como testemuña do paso do tempo. Así falamos da nosa cultura, de Trasancos, das Rías Altas, de Ferrolterra... de todo unha bisbarra, chegando a un Ortegal que impresionou a Otero Pedrayo. E todo iso aparece nun espectáculo contemporáneo que busca a reflexión do público, poñendo en valor as tradicións e dialogando coa poética, o audiovisual, a danza, o teatro...

—Canta investigación hai sobre o folklore desta zona?

—É unha comarca difícil porque as tradicións perdéronse hai moitísimo tempo, noutras zonas de Galicia houbo unha maior conservación. Hai un gran traballo detrás, collemos material doutros investigadores (por exemplo sobre os coros históricos) e fixemos investigacións propias. Logramos fotografías da comarca que formarán parte dos audiovisuais do noso espectáculo. Hai máis de 30 músicas, 15 bailes, con 32 membros de Alxibeira.

—Descubriu algo sorprendente?

—Estas comarcas comunícanse co resto de Galicia, pero teñen un selo especial. Na maneira de falar ou mesmo de cociñar, hai algo diferente en Trasancos, en Ferrolterra, en Narón... Ata o verde é diferente, a maneira de cantar e de bailar. É difícil de explicar. A ría de Ferrol é moi bailarina e cantareira, definitivamente ten algo especial. E todo iso aparece en Congostra, con sete actos nos que tocamos de todo: desde a morte ata as festas máis populares como os Maios, a verdade é que estamos moi contentos.

O xoves fixemos un pase xeral co vestiario e foi moi ben.

—É o espectáculo máis ambicioso de Alxibeira?

—Por suposto, ata agora facíamos baile tradicional e isto chega en clave contemporánea. O baile tradicional xa ten emoción en si mesmo por ser do pais. E agora remexemos aínda máis os sentimentos do espectador. É moi interesante o que fixemos, nunca se viu nada igual.

—Como fixeron a transición os artistas do tradicional ao contemporáneo?

—Os bailaríns tiveron que aprender teatro e de todo, o que cantaba lanzouse a bailar, aquí hai danza, teatro, musical audiovisual... e veranse as recollidas de campo (o de ir polas aldeas e gravar a música tradicional, o que forman os pés do hórreo).

—E como será a xira?

—A estrea pode ser nun momento complicado como é xullo, coincidindo ademais co Festival de Ortigueira. E despois xa estamos preparando a xira por toda España.

Alxibeira, nunha imaxe de arquivo cun anterior espectáculo.
Alxibeira, nunha imaxe de arquivo cun anterior espectáculo.

Identidade e tradición nunha agrupación de corenta anos

A estrea deste sábado será ás 21.00 horas no Pazo da Cultura de Narón, da man do grupo de baile e música tradicional Alxibeira (do Padroado de Cultura). Desde o Concello indican que Congostra é un espectáculo de nova creación que se mergulla na identidade e nas tradicións da comarca, e que conta con máis de trinta artistas sobre o escenario. As entradas aínda poden adquirirse na web do Padroado e na taquilla do Pazo ao prezo de 2,5 euros.

A obra está estruturada en sete actos enlazados por outros tantos audiovisuais creados por Antón Cabaleiro, a partir de fotografías e material de arquivo do Concello de Narón. Tamén hai aportacións persoais dos propios integrantes do grupo.

Coplas, berce, muiñeiras

O Concello de Narón recalca que o repertorio musical bebe case na súa totalidade da tradición local: melodías recollidas na comarca, cantos de berce, coplas e muiñeiras das Mariñas Altas... como facían na película Cold War. O espectáculo foi ideado por Quique Peón e supón «un salto cualitativo importante para esta agrupación, todos os integrantes cantan, bailan e interpretan».