Ata pronto, María López Viñas: a xornalista de Narón, loitadora e xenerosa, que marchou antes de tempo

Patricia Hermida Torrente
P. Hermida NARÓN / LA VOZ

NARÓN

A xornalista María López Viñas
A xornalista María López Viñas Cedida

Con só 51 anos, faleceu Nela e deixou atrás a unha serie de amigos incondicionais

21 oct 2024 . Actualizado a las 11:59 h.

A morte só xera tristura e incomprensión. E máis cando chega demasiado pronto, como lle pasou a María López Viñas. A xornalista de Narón, cultísima e especializada precisamente nese ámbito, faleceu o pasado venres tras unha longa enfermidade e deixando atrás a unha serie de amigos incondicionais. Con 51 anos, licenciada na Facultade de Xornalismo (USC) nunha das primeiras promocións, era loitadora, xenerosa e valente como recordan os que a querían. 

Durante dúas décadas traballou no xornal El Progreso, residindo en Lugo e converténdose nunha das incondicionais desta cidade. As súas xa míticas entrevistas traían aos lectores as conversas máis interesantes con todos os músicos, actores e escritores que pasaban polas Murallas. Era agarimosa e devota da súa profesión, a pesar de que o xornalismo ás veces é inxusto tal e como tivo que vivir ela de primeira man. Gran viaxeira, inmortalizaba todas esas experiencias nas redes así como a súa devoción polos animais (con imaxes cos seus gatos, que foron de gran apoio ata o final) e pola súa familia.

Pero sobre todo María López Viñas era amiga dos seus amigos, como confirman as expresións de forte dor nas redes tras coñecerse a súa perda. Ela afrontou con forza a súa enfermidade, con sorrisos, agarimo e emoción. Apurando a vida ata o final. Tal e como era Nela.