O BNG avisa das deficiencias no «bowl» de Narón que xa presenta pozas de auga

LA VOZ NARÓN

NARÓN

Solicitan que o Concello lle reclame á construtora

26 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O recén creado bowl para practicar skate en Piñeiros ten a forma dunha piscina. Pero segundo denuncia o BNG de Narón, xa presenta deficiencias como pozas de auga. Segundo a portavoz municipal dos nacionalistas, Olaia Ledo, «hai máis de catro anos votamos a favor deste proxeto para o deporte urbano da xente nova, pero agora vemos un resultado deficiente dunha obra realizada con retraso».

Aseguran que «a realidade deste espazo é que o cemento, sendo o elemento máis usado para a construción dos mesmos pola súa durabilidade no tempo, xa ten grietas deixando paso á auga que se filtra dende o terreo». E a parte fonda do bowl deixa «pozas de auga que impiden a seguridade na práctica deportiva».

Moción para o pleno

Para buscar unha solución a esta situación, o BNG de Narón xa presentou unha moción ao pleno de finais de novembro. No texto, os concelleiros nacionalistas solicitan ao goberno municipal que «lle reclame á empresa construtora deste espazo a reparación das eivas existentes».

No caso de que non se puidese xestionar esa posibilidade, reclama que se proceda «a darlle unha solución definitiva a todas esas eivas». Dende o grupo municipal do BNG tamén se pide que «se mude o alumeado público por alumeado deportivo que non deixe zonas de sombra no bowl e permita unha práctica deportiva máis segura». Segundo Ledo, «queremos que se faga ben coma noutros concellos que con orzamentos similares teñen parques profesionais».