O socialista pontecesán Lois García: «A alcaldía tena que ter o partido máis votado»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

NARÓN

ANA GARCÍA

O rexedor en funcións pide que «ninguén» pacte cos concelleiros que no seu día «rexeitaron» axudas para o municipio

31 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O profesor Xosé Lois García Carballido (Narón, 1974) lidera o proxecto socialista pontecesán por cuarto mandato consecutivo. Nos dous anteriores gobernou en bipartito (2015), maioría absoluta e minoría. O PSOE pasou de conseguir oito actas de edís a catro nos últimos comicios.

—Que balance fai do 28M?

—Estaba claro que o transfuguismo nos ía pasar factura. Xa pasou en Madrid. O contexto xeral para o PSOE tamén é desfavorable. E despois, teremos que facer cambios e axustes na nosa forma de gobernar. O que está claro é que os veciños falaron: temos que entendernos porque hai un pleno máis plural que nunca en Ponteceso. Se ben o PSOE, cunha serie de liñas vermellas, que son os concelleiros e as concelleiras que rexeitaron o plan de obras e a subvención de alumeado e que lle fixeron perder tantos cartos ó municipio. Creo que ningún partido debería aceptar eses votos.

—Cal é o seu obxectivo agora?

—Un goberno estable para os catro anos porque Ponteceso ten que estar libre dos vaivéns e das sorpresas, e ter un rumbo firme para encarar os retos. A nosa idea é gobernar en coalición, revisando o pacto periodicamente para que se cumpra. Xa iniciamos os contactos con todas as formacións cas que queremos chegar a un acordo. O que está claro é que a alcaldía tena que ter o partido máis votado.

—O PP tamén entra dentro dos seus plans?

—Non temos ningún problema en chegar a algún acordo co PP. Gobernar co Partido Popular en coalición creo que vai ser bastante complicado polos poucos exemplos que hai en toda España. Pero eu estiven moitas veces reunido con Mato por temas empresariais dentro do grupo BNI e pódese falar con el. O que non entendería o pobo é que os populares busquen un pacto con ese partido que leva xente nas listas que rexeitou axudas para Ponteceso. Mato excluíu na súa listaxe a concelleiras por ese motivo. Entón, hai que ser consecuente, confío en que así sexa. Incluso Adiante por Ponteceso dixo no debate que levaban unha lista limpa. Acordareime das súas palabras. Hai que empezar con coherencia. A partir de aí, diálogo e entendemento.

—Como van as conversas?

—A min non me chamaron de ningún partido. Hai tres formacións novas que entraron no pleno e só tres concelleiros que repiten. Iso hai que encaixalo. Temos que ser tolerantes e cambiar por completo a política que houbo en Ponteceso no pasado mandato. Son optimista. A estabilidade virá da man do goberno de coalición, nunca do goberno en minoría.

—Cales son os seus principais proxectos?

—O máis urxente é a transparencia absoluta na xestión do Concello na forma de licitar en procedemento aberto todos os servizos recorrentes. No pasado mandato xa se avanzou moito.

—E o seu equipo?

—Por esta orde, Noelia Varela, con experiencia de goberno e partido; José Manuel Nuñel, Porteiro, que foi concelleiro polo PP moitos anos, e Consuelo Martínez, Chelo, que xa formaba parte da executiva. Un goberno paritario.

O 28M EN CIFRAS

PSOE 4

PP 4

Partido Galego 2

Adiante por Ponteceso 1

BNG 1

Espazo Común-APIN 1