Narón, Pontedeume ou San Sadurniño renden homenaxe a Rosalía de Castro

LA VOZ NARÓN

NARÓN

Debuxo do artista Juanlu Nacha para colorear, dentro dos actos do Concello de San Sadurniño polo Día de Rosalía
Debuxo do artista Juanlu Nacha para colorear, dentro dos actos do Concello de San Sadurniño polo Día de Rosalía JUANLU NACHA

Hai obradoiros, lectura de manifestas e propostas artísticas

22 feb 2023 . Actualizado a las 08:30 h.

Varios concellos organizan actividades para conmemorar o Día de Rosalía. O Servizo de Normalización Lingüística de Narón promove un obradoiro de chapas sobre a poetisa, o xoves (18.00 horas), no centro cívico social do Alto do Castiñeiro. Vai dirixida a menores de tres a seis anos, que deben inscribirse antes no correo a.pita@naron.es.

Os participantes nesta actividade coñecerán parte da vida e a obra da autora. O 25 (12.00 horas) haberá unha lectura pública do traballo de Rosalía de Castro na biblioteca municipal, a proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, para homenaxear á escritora, nacida o 23 de febreiro de 1837. Julia Rodríguez, Muller do Ano de Narón en 2020, lerá o manifesto; e tamén se sumarán a alcaldesa, Marián Ferreiro, a concelleira de Cultura, Olga Ameneiros, e os veciños que o desexen.

En Pontedeume, o Ateneo Fernán Martís convida a Diego Rodríguez González, responsábel de Cultura e Patrimonio da Fundación Barrié, para que expoña a súa tese de que Rosalía e o seu marido, Manuel Murguía, «fixeron unha estadía en Pontedeume no verán de 1864». Explica que se desprazan á vila desde O Seixo, en Mugardos, para a romaría do 25 de xullo. É o ano no que a poetisa publica Se a vernos, Marica, nantronte viñeras, que reflicte o ambiente festeiro do Seixo. Será o día 24, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura de Pontedeume.

En San Sadurniño, a Concellaría de Cultura rende homenaxe a Rosalía de Castro cun acto este xoves, día 23 ((11.00, na Casa da Cultura), baixo o título Letras e cores para Rosalía. Anima aos veciños a escribir poemas, frases ou calquera texto que lle queiran dedicar á poetisa, «ademais de darlle cor a unha lámina deseñada polo artista Juanlu Nacha». Pódense recoller as copias no consistorio, na Casa da Cultura ou na biblioteca, para entregalas hoxe e expoñelas o xoves.