
Iago González lanza o vídeo «Noso Son», como «canción de amor á terra»
02 feb 2023 . Actualizado a las 09:56 h.Naronés de pura cepa (colleita de 1992), Iago González entrou no mundo da música «porque nacín con tendencia a chorar e só me calmaba coas cancións». Con tres anos empezou a estudar piano na Escola da Vaca en Ferrol, despois formouse na Escola Municipal de Narón en clarinete e fagot. «Medrei no conservatorio de Ferrol onde con nove anos empecei a estudar piano», pasou por grupos de todos os estilos en Ferrolterra. E agora, xa como profesor no Conservatorio da Coruña, exerce como exitoso músico en Youtube onde lanzou onte a súa última peza Noso Son: «Unha canción coa que quero poñer a bailar a toda Galicia, onde fusiono instrumentos galegos como as gaitas con cubanos como os ventos metais e tumbaos de piano».
O tema pode escoitarse en redes (@iagogonzalezalonso ou Iago González Son & Do) xunto cun videoclip rodado ante o Atlántico, sobre todo na Coruña onde reside agora. O seu último tema forma parte dunha triloxía iniciada coa kizomba (baile de Angola que pode recordar ao reggaeton) Deep emotion, que continuou coa bachata Hoy te vuelvo a ver e que remata coa salsa Noso Son. «Quería facer unha fusión entre Cuba e Galicia pola nosa historia, non coñezo antecedentes de que se misturasen antes os instrumentos das dúas culturas», indica este músico e docente. Deste xeito, colleu como instrumentos galegos as gaitas, pandeiretas, zanfoñas, frautas de corte celta, acordeóns mariñeiros e mesmo aturuxos. E de Cuba incorporou «percusións latinas, os tumbaos de piano, ventos metais como trompeta e trombón, e o baixo baby bass».
Nesa danza aos dous lados do océano Atlántico, «esta canción de amor á nosa terra remata cuns coros, nun título capicúa a través do mar para bailar salsa». O tema recén nacido fala deste xeito do «desexo cara a unha muller que non deixa de ser Galicia, e coa intención de chegar ás pistas de baile».
Anteriormente, Iago González estivo por grupos da comarca como Terapia (rock), Natural Green (reggae) ou Estar (pop). Instrumentista de piano, batería, guitarra, baixo, clarinete ou fagot; iniciouse como youtuber aos 25 anos no seu estudo caseiro. E normalmente interpreta as súas cancións dende a súa casa, aínda que tamén filmou vídeos en escenarios naturais desta zona como Libélulas na naronesa e espectacular Presa do Rei.
«Eu sinto orgullo de Narón, crecín neste concello ao que identifico como o lugar dos meus pais (Iago é fillo dun home vinculado ao teatro naronés como Luis González Ramos), aquí fixen moitos dos meus traballos», explica. «E cando escribo sobre a miña terra, cando escribo ou compoño estas cancións sobre Galicia... ao final penso en Narón, e agora tamén na Coruña onde resido», continúa.
Como profesor de música no Conservatorio da Coruña, «adícome a ensinar linguaxe musical aos nenos, todo ese mundo das gravacións e os instrumentos tamén é a miña paixón que levo ata o traballo». Eses coñecementos adquiridos tras tantos anos de formación e práctica «axúdanme agora como pedagogo, e sobre todo fago cancións para bailar», indica con ese espíritu lúdico.
A maiores da música onde aposta pola fusión galega-latina, Iago González tamén comparte contidos sobre poesía e improvisación teatral nas redes sociais e na súa canle de Youtube. «Gustaríame sacar o sentemento galego a través da salsa, un xénero moi fresco onde falo de Galicia como unha nai que coidou de nós cando éramos pequenos e da que agora debemos preservar a súa herdanza cultural», apunta nesa invitación ao baile.