Jairo Orjales Sande: «Non por ter máis cantidade de luz nunha zona está mellor iluminada»

ANA F. CUBA NARÓN / LA VOZ

NARÓN

Técnico de servizos básicos e mantemento do Concello de Narón, traballa para lograr un alumeado o máis eficiente posible

04 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O traballo de Jairo Orjales Sande, técnico de servizos básicos e mantemento do Concello de Narón, guíase polo regulamento de eficiencia enerxética e as recomendacións do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) e do Comité Español de Iluminación. «Non por ter máis cantidade de luz nunha zona está mellor iluminada», subliña. A partir de aí, busca a eficiencia, cunha nova referencia, o Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, que compromete a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro nun 40 % ata 2030.

-Aforro ou eficiencia enerxética?

-Aforro é un consumo menor de enerxía, que conleva un menor gasto económico. Falar de eficiencia implica, a maiores dun menor consumo, a mellora das características do equipamento.

-Que é un alumeado eficiente?

-Un alumeado que consume a mínima enerxía posible e ten unhas características adecuadas de iluminación. É un alumeado que, a día de hoxe, non debe producir contaminación lumínica nin luz intrusa (as luminarias dirixen a luz cara a onde a teñen que dirixir, non a outro sitio).

-A onde se debe dirixir a luz?

-Nunha vía pública, a luz debe estar dirixida á calzada e ás beirarrúas. A seguridade viaria é un aspecto transcendental. E nunha praza ou nun parque, a súa superficie é o obxecto a iluminar, cos itinerarios peonís que conteña.

-Que hai detrás dun alumeado eficiente?

-Detrás dun proxecto de cambio de iluminación (substituíndo luminarias existentes por leds) hai un estudo, no que se analiza que luminarias instalar, cales son as máis adecuadas para a zona. Cada día miramos máis como rebaixar a temperatura de cor, hai estudos que confirman que debemos evitar a radiación azul (compoñente da luz máis fría) porque é unha forma de contaminación lumínica, aínda que non se emita no hemisferio superior, xa que pode afectar ao ecosistema. Atopamos zonas sobreiluminadas e outras infrailuminadas... O regulamento de eficiencia enerxética marca as cantidades máximas e medias de nivel de iluminación, nunca nos indica as mínimas. Isto lévanos a pensar que canto máis consigamos baixar os niveis de iluminación mellor será. Non por ter máis cantidade de luz nunha zona está mellor iluminada, senón canto máis uniformemente se faga.

-Falaba da seguridade viaria...

-A iluminación ten que ser agradable e ten que reproducir ben as cores, para que un condutor vexa ben un peón cando cruza un paso de cebra, que non afecte á circulación viaria, que non provoque deslumbramento. Todo iso estudámolo e mellorámolo.

-O aforro económico é real?

-Conséguense, sen dúbida, aforros do 50 %. Hoxe estamos substituíndo puntos de luz de 150 vatios por outros de 35, en zonas con alumeados optimizados. O aforro está contrastado e vese nas facturas, aínda que os prezos da enerxía levan anos á alza.

-Outro beneficio é a redución das emisións de CO2.

-Si, e é moito máis representativo que o aforro na factura. Cantos menos quilovatios se consumen menor é o nivel de emisións.

-E a contaminación lumínica.

-Houbo un momento no que o exceso de iluminación se asociaba ao progreso e o benestar. Iso non é así e só consegue que en moitas zonas urbanas non se poida apreciar o ceo (España é un dos países máis contaminantes). Tamén hai un tema de eficiencia, se a luz a diriximos ao ceo ou a un terceiro piso non se está dirixindo a onde se debe: a calzada, a beirarrúa ou o camiño peonil. Entón estase malgastando.

-A tecnoloxía led evolucionou.

-As características técnicas melloraron moitísimo. Hoxe, unha luminaria da mesma potencia emite máis e mellor luz que fai anos. Coa tecnoloxía actual, as ópticas permítenche achegar a luz onde sexa necesario. Tamén se foron rebaixando as temperaturas de cor, ata chegar a valores inocuos para o ecosistema. Está demostrado que valores altos son prexudiciais.

-Falaba da uniformidade.

-É moi importante porque che permite baixar o nivel de iluminación e, polo tanto, a potencia, cun maior aforro. Os nosos ollos son moi comparativos, e se hai moita luz debaixo dun punto de luz e pouca entre dous vainos parecer que a zona está escura, cando ao mellor está sobreiluminada pero hai mala uniformidade. Debemos procurar no posible que exista o mesmo nivel de iluminación debaixo dun punto de luz que entre dous puntos de luz, ou que tres ou cinco metros máis adiante ou a un lado. Así tamén reduces o risco de ter contaminación lumínica ou luz intrusa. O importante é iluminar o que se necesita. E agora non se entende que un alumeado público non reduza os niveis de iluminación un 30 ou un 40 % despois das doce da noite.

-Sobre a iluminación de Nadal...

-A iluminación de Nadal ou a das festas do verán é moito máis eficiente e sostible que hai cinco ou dez anos. En Narón seguramente se está gastando un 70 % menos e hai moitos máis elementos colocados. Da típica guirnalda de hai 20 anos con 100 bombillas de 40 ou 60 vatios, pasouse a microleds de menos dun vatio.