«Non se poden asumir perdas de sete mil ou oito mil euros ao ano»

A. F. C. NARÓN / LA VOZ

NARÓN

CESAR TOIMIL

José Antonio Muíño, labrego de Narón, preside a Asociación de Prexudicados pola Fauna Salvaxe de Galicia

31 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é o primeiro caso de gandeiros que renuncian a botar millo por mor dos ataques do xabaril. «Coñezo a dous ou tres, un que me compra a min o millo por exemplo. Eu botareino mentres dea feito, espero que antes de ter que parar consigamos reverter esta situación», declara José Antonio Muíño, labrego de Castro (Narón) e presidente da Asociación de Prexudicados pola Fauna Salvaxe (Aperfasa) en Galicia.

 

Cando as perdas se repiten campaña tras campaña, «a xente desiste e bota pradería, pero tamén che levantan a pradería», sinala. «Se non se reverte esta situación, se a Administración non advirte aos tecores [territorios cinexeticamente ordenados], verémonos obrigados a ir aos tribunais», advirte. E as denuncias xudiciais «case sempre van dirixidas aos tecores». «Non podo ir contra a Administración cando a miña explotación está dentro dun terreo cinexético e a Lei de Caza carga a responsabilidade aos cazadores», argumenta.

Muíño entende que «non se poden asumir todos os anos perdas de sete mil ou oito mil euros, cando as contas xa son bastante xustas para o sector». El manexa 41 hectáreas de millo, en fincas dispersas, o que fai «inviable» pechar con pastor eléctrico para tentar frear ao xabaril. E hai explotacións de máis de cen.