O meu primeiro «Quixote»


O pasado día 1, Xesús Alonso Montero contou no artigo Confinados co Quixote que varias persoas lle preguntaron polo libro máis axeitado para os rapaces neste tempo de confinamento e a súa resposta foi sempre rotunda: o Quixote. Tamén recordou que Ramón Suárez Picallo en Sada e Santiago Álvarez en Valdeorras eran, de nenos, devotos do Quixote. Eu non sei se fun un neno devoto do Quixote, pero si que aprendín a ler nas súas páxinas e cando, aos seis anos, entrei nunha escola do barrio, os escolantes don Justo e dona Carmen pasmaban ao oírme dicir de memoria os versos «Es de vidrio la mujer/ pero no se ha de probar…», o comezo do discurso de Don Quixote aos cabreiros e os pés das ilustracións do libro. Non debe de ser un caso frecuente, pero no meu a explicación é sinxela.

Nos primeiros días do Alzamento, cando en Ferrol empezaron as detencións e os paseos, meus país e meus irmáns refuxiáronse en Cornido, no veciño concello de Narón, onde tiñan parentes e amigos, que lles cederon unha casa pequena, sen luz nin auga, baleira de todo; pero á que o primeiro día chegou un carro de palla para que non durmisen no chan e despois colchóns, mesa, sillas, pratos, tixolas… e un quinqué. A comezos de 1937 a Garda Civil levou a meu pai e nun consello de guerra condenárono a 30 anos por representar, co grupo de teatro do Coro Toxos e Froles, obras de «marcado matiz político-social». Saiu en 1941 e en 1943 nacín eu. Meu irmán apenas me viu. Marchou a Madrid e co primeiro salario mercou un Quixote esplendidamente editado e enviouno cunha dedicatoria: «Aos meus queridos país, o mellor libro de España». Durante anos aquel foi o único libro na casa e nel aprendeume a ler miña irmá, dezasete maior ca min.

Malia a escaseza en que vivían, meus país acordaron que eu estudase o bacharelato, pero, mal aconsellados, non me mandaron ao instituto, senón a unha academia onde, por boas notas que levase, era imposible obter unha beca. Cursaba terceiro cando busquei o Quixote e non apareceu. Miña nai levárao a un anticuario da cidade para poder pagar a matrícula do curso, pero arrincoulle a folla coa dedicatoria e volveu sen libro e sen cartos. Pasei media vida en procura dun exemplar daquela edición, e non o atopei.

Seguín lendo o Quixote nas escolas porque o franquismo se apropiou do personaxe e falou do «quixotismo da Cruzada»; porén, en 1932, Giménez Caballero, ideólogo do Réxime nos primeiros anos, víao como «el libro más temible y corrosivo de España. El peor veneno de España». E, en 1936, en plena celebración da victoria, o crítico literario Manuel de Montoliú propuxo facer a Lope de Vega poeta nacional de España porque «el suyo es un teatro de caballeros, hecho para caballeros», mentres Cervantes «deja ver constantemente su predilección por los desheredados y menesterosos».

Ambos tiñan razón e, en boa lóxica, Cervantes e Don Quixote eran dos vencidos. Meu pai dicía moi ben os versos de León Felipe: «Hazme un sitio en tu montura/ caballero derrotado./ Hazme un sitio en tu montura/ que yo también voy cargado/ de amargura». Non chegou a oílo musicado e cantado por Serrat, pero eu emocioneime por el.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
42 votos
Comentarios

O meu primeiro «Quixote»