Antón Martínez Aneiros: «As minorías son sempre as que abren o camiño para transformar o mundo»

NARÓN

Ramón Loureiro

Afirma que «a Igrexa debe estar, en todo momento, cos pobres e cos marxinados»

10 feb 2020 . Actualizado a las 13:12 h.

Antón Martínez Aneiros (O Val, Narón, 1933) non foi, xamais, ante a historia, un mero espectador. Ben ao contrario. Foi un protagonista, aínda que el non se vexa desa maneira. Unha figura central en momentos tan decisivos coma os últimos anos do franquismo, cando era un dos sacerdotes españois que ían acabar en prisión por plantarlle cara á ditadura. Máis tarde, e secularizado xa, levou a cabo, en Madrid, un intenso labor social a través de Cáritas. E a continuación, de volta en Galicia, tras aprobarse a Constitución, foi elixido alcalde de Narón. Posteriormente sería, tamén, deputado autonómico por Esquerda Galega, o partido que lideraba Camilo Nogueira. Aínda tendo abandonado o sacerdocio, mantivo, e mantén, un compromiso moi activo coa fe, que o levou a liderar o movemento renovador Somos Igrexa. Quixo estar sempre do lado dos que sofren, dos que nada teñen, dos máis débiles. Iso foi o que marcou o seu camiño durante unha vida enteira. E sempre foi, o segue sendo, un extraordinario conversador. A paz que transmite a súa voz reflectise tamén, dalgunha maneira que non é doado explicar, na luz da súa mirada, neses ollos claros que lembran, como se viñesen do fondo das idades, os ollos dos suevos que lle deron forma ao parroquial galego. Nel todo é afecto, sempre.

-¿Este mundo é outro mundo? ¿Vivimos realmente un novo tempo de ferro? ¿A sociedade está hoxe menos disposta que antes a mobilizarse en defensa do ben común...?

-Falar da sociedade, no seu conxunto, mobilizada en defensa do ben común, é moito dicir, na miña opinión. A sociedade xamais se mobilizou desa maneira. Quen de verdade se mobilizaron, ao longo do tempo, foron pequenos grupos, e ás veces incluso persoas moi contadas, que lle serviron de exemplo aos demais e que puxeron en marcha, desa maneira, grandes procesos colectivos. As minorías son sempre as que abren o camiño para transformar o mundo. Todos estamos en débeda con esas persoas singulares, irrepetibles, que en cada circunstancia, co seu labor e coa súa palabra, transforman o seu tempo. Non se pode esquecer que a humanidade vive nun estado de evolución permanente

-¿E o que fixo vostede non foi tamén algo así?

-¿Eu? ¡Nooooon...! Eu equivoqueime moitas veces, e outras nin sequera souben dar un paso adiante cando era necesario dalo. Procurei vivir estando sempre cos que máis axuda necesitaban, pero non sei se o logrei. Hoxe talvez faría as cousas doutro xeito. Pero por sorte Galicia foi cambiando moito, e para ben.

-¿Onde tería que estar a Igrexa?

-A Igrexa debe de estar, en todo momento, cos pobres e cos marxinados, como nos lembrou o Concilio Vaticano II.

-¿Que opinión lle merece o Papa Francisco?

-Francisco é un ben para a Igrexa. Veu traer un aire novo que está cambiando todo.

«Querer cambiar o pasado é un empeño inútil, que xamais pode levar a nada»

La Voz

Antón Martínez Aneiros ten unhas mans grandes, case se diría que inmensas. As mans dun campesiño afeito a arar a terra. Cando chegas á súa casa, abrázate. E a luz que entra polas ventás acentúa a intensidade que a súa mirada aínda conserva. Fóra, ao outro lado dos cristais, é inverno.

-Desde a perspectiva que lle dá o paso do tempo, ¿pensa que a historia recente de Galicia podería ter ido por camiños diferentes?

-Mira, querer cambiar o pasado é un empeño inútil, que xamais pode levar a nada. O que pasou, pasou. E ademais eu non penso que os pobos, cada un coas súas circunstancias e dificultades, vaian nunca a peor. Os pobos avanzan. A Galicia de hoxe é unha Galicia infinitamente mellor que a que eu vivín de neno. Á marxe de que, por suposto, hai cousas que poderían ser moi distintas. Porque algo que si vexo é que hoxe a sociedade está coma durmida. Non reacciona.

-E iso, ¿por que?

-Pois non o sei, pero non creo que sexa por egoísmo. É algo diferente. Ocorre ata cos intelectuais, que hoxe apenas intentan ter presenza xa na vida pública.

-En prisión pasou, vostede, momentos moi duros.

-Algúns si. Pero os momentos máis duros foron cando me detiveron e mentres me interrogaban. E tiven medo, claro. Pero nós estabamos facendo o que non se podía deixar de facer. Non se podía calar.

-Vostede, no seu momento, deixou o sacerdocio e fundou unha familia. Hoxe, a falta de sacerdotes fai que algúns teñan que atender ata unha ducia de parroquias...

-Non me preocupa que haxa tan poucos curas. Iso vai axudar a que a clase clerical, como tal, desapareza. A Igrexa ten que cambiar moito. E abrirlle de verdade as súas portas ás mulleres.